Bisbarra, 27 de maio do 2024 – O concello de Padrón celebrará a Feira Medieval do 5 ao 7 de xullo no que será a decimo sétima edición do evento.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2024/05/padron-feira-medieval-normal-27-maio-2024_r.jpg)
A Feira Medieval de Padrón foi presentada polo alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Festexos, Chus Campos, e contará con postos de artesanía, obradoiros de oficios para todas as idades, moita música e un espectáculo de lume.
A décimo sétima edición comezará o venres 5 de xullo ás sete da tarde coa chegada dos artesáns e a apertura dos obradoiros, grazas aos cales persoas de todas as idades poderán coñecer oficios tradicionais relacionados coa madeira, a lá, a cantaría, o curtido de peles ou o tratamento de vidro.
Os espectáculos de lume da Cía Troula (sábado, 23.00 horas) e Andanadas (domingo, 22.30 h. praza de Macías) serán dous dos atractivos da presente edición da Feira Medieval, que contará tamén cos espectáculos musicais de Xoán Curiel “Treides conmigo” (venres, 20.00 h. no atrio do convento do Carme), e a de Suso Martíns e Manoele de Felisa “Cativo da Minna Tristura” (sábado, 19.00 h. na praza de Macías).
O mercado estará aberto de 19.00 a 00.00 o venres, día 5; de 11.00 ata a 1.00 horas do sábado, e de 11.00 a 00.00 o domingo 7 de xullo. O domingo pola tarde entregaranse trofeos aos locais mellor engalanados da Feira Medieval.