Bisbarra, 26 de xuño do 2024 – Genma Otero, ex concelleira de Contigo Podemos, foi nomeada xerente da EPEL de Ames cos votos en contra de toda a oposición polo que foi o voto de calidade do alcalde o que resolveu o empate.
O alcalde e presidente da EPEL, Blas Garcia, cualificou de “crucial” este paso para que Augas de Ames funcione con normalidade. Tamén agradeceu a “responsabilidade da veciñanza e dos traballadores e traballadoras”, pois os seus votos, xunto cos do grupo de Goberno fixeron posible que Augas de Ames bote a andar.
García tamén criticou a falta de coherencia dos grupos da oposición, que votaron a favor das bases por unanimidade e intentaron impedir o nomeamento da xerente unha vez coñecido o nome por “animadversión cara a persoa escollida ou por sacar beneficio político a calquera prezo. Ambos motivos son poñer o interese particular por enriba do beneficio da veciñanza de Ames”.
O BNG explica nun comunicado que “nos trámites previos, todos os documentos non tiña avais por informes de especialistas xurídicos e de intervención, e porque ademais se someteron de forma urxente ao consello de administración, sen dar tempo a advertir das eivas que se expoñen”.
Os nacionalistas engaden que Malia o aprazamento e petición de documentación adicional, a documentación entregada aos membros do Consello de Administración foi totalmente insuficiente.
Pola súa banda Espazo Común segue unha mesma liña e destaca a ausencia de documentación solicitada tanto por escrito como no propio Consello, e que é clave como son o cadro de valoracións dos méritos das persoas que participan do proceso ou as actas que avalen o nomeamento da representante do persoal.
Para espazo Común “a falta de acceso á información mina a confianza e compromete o noso voto á vez que pon de releve a necesidade de prácticas transparentes e éticas na administración pública,
especialmente cando se trata de entidades como a EPEL.
Genma Otero Uhía, comezará a exercer como xerente a partir do 1 de xullo. O alcalde de Ames, Blas García destaca “hoxe damos un paso moi importante para facer que Augas de Ames traballe a pleno rendemento. Isto foi posible grazas á responsabilidade da veciñanza e dos traballadores e traballadoras da empresa”.