Bisbarra, 20 de xuño do 2024 – Unha vez máis as ANPAS de Ames emiten un comunicado conxunto, en forma de carta aberta ás familias, no que mostran a súa preocupación pola resolución de distintos temas.

As ANPAS explican que con esta carta queren “informarvos sobre a situación actual e os problemas que estamos a afrontar co Concello. Consideramos fundamental que todas as familias esteades ao tanto destes asuntos que nos afectan directamente a nós e aos nosos nenos e nenas”.
A misiva divídese en catro puntos moi concretos, algúns dos cales xa publicados en Lindeiros nas últimas semanas. O primeiro a modificación da ordenanza fiscal dos servizos complementarios. As ANPAS explican que cando estaban negociando unha subida progresiva dos prezos ao levarse anos sen actualizar, desde o concello interrompéronse as conversas e anunciouse unha suba dun 20%.

Os representantes das familias mónstranse moi críticos cunhas declaracións do alcalde, Blas García, nas que dicía que “os veciños de Ames que non tiñan fillos non tiñan a obriga de soportar o déficit dos servizos de conciliación”. As ANPAS están en contra dunha subida “porque afectará negativamente ás familias que xa están a afrontar numerosas dificultades económicas pola inflación e porque os salarios non se actualizaron ese 20%”.
Escola de verán
Na escola de verán as ANPAS critican a redución dos días previstos para resolver erros de 10 a 5. A falta de información, a unha semana do comezo da escola, da data do sorteo de prazas e da asignación de quincenas co que resulta imposible que as familias fagan algún tipo de previsión. Pero as ANPAS engaden que “non podemos rematar esta parte sen facer unha mención especial ao que lles está a ocorrer ás familias do EEI do Milladoiro que a toda esta incerteza súmase o feito de que a día de hoxe non saben se a Escola de Verán a van celebrar na súa escola ou no CEP de Ventín”.
Cociña central dos comedores
Este foi un dos temas máis controvertidos pola intención do concello, despois descartada, de eliminar o servizo de orientación para colocar en ese espazo a cociña central pese aos informes en contra. Ante a falta de información sobre este tema as ANPAS solicitan “información por escrito a Concelleira, por rexistro tal e como nos piden, e tamén solicitamos unha xuntanza para tratar este e outros aspectos que afectan á calidade do servizo de comedores. A solicitude fíxose exercitando o dereito de acceso a información pública que ampara a todos os cidadáns”.
A resposta do Concello foi dunha banda anunciar o inicio da licitación da Cociña Central, que por cálculo de prazos non estará en funcionamento o vindeiro curso e, por outra parte “en lugar de responder a solicitude de información procedeu a convocar o Consello Escolar indicando que a nosa consulta sería contestada alí”.
Listas provisionais de admitidos
Esta semana publicáronse as listas provisionais de admitidos e excluídos dos servizos complementarios e xerouse un novo conflito. As ANPAS consideran que culpar ao centro da situación das listas é inxusto “e desvía a responsabilidade de onde realmente debería recaer”.
Os representantes das familias destacan ademais “que o Concello está a manter continuos conflitos coa comunidade educativa non soamente coas ANPAS senón tamén cos equipos directivos dos centros educativos. Estes conflitos prexudican a toda a comunidade educativa”.
Rematan a carta explicando que levan meses “vivindo situacións moi desagradables que nos afectan directamente a nivel persoal a nós e incluso ás nosas familias, chegando nalgún momento a plantexarnos se merecía a pena seguir” pero que a unión actual entre todas as ANPAS do concello “seguimos adiante e imos manternos firmes nos proxectos que con tanta ilusión comezamos”.