Compostela, 20 de xuño do 2024 – A Asociación de Veciños Raigame denuncia a intención de abrir un Casino no ensanche de Compostela, detrás estaría a mesma empresa que non obtivo licencia para abrilo nos baixos do Hotel Araguaney.
Raigame denuncia que este Casino situaríase nunha zona saturada de este tipo de negocios “xa que existe outro a 70,33 metros, un centro de ensinanza na Praza de Vigo e próximo tamén ao centro público Eduardo Pondal”.
Lembran que a lexislación vixente que regula os xogos en Galicia non permitiría “a apertura de calquera establecemento de xogo situado a unha distancia menor de 300 metros radiais de calquera outro xa autorizado ou a centros educativos”.
A Asociación pediu acceso ao expediente e foi de ese xeito como detectou que se trata da mesma empresa á que se lle denegara licencia anteriormente. Raigame engade “Preguntámonos como é posible que se autorizase esta licenza autonómica tendo en conta a proximidade a centros de ensino e a outros establecementos dedicados ao xogo”.
Raigame ten formuladas varias denuncias antes Disciplina Urbanística e tentará evitar este tipo de establecementos “que tanto dano ocasionan á saúde dos menores coma á dos adultos e nunha zona xa de por si saturada de outro tipo de problemas”.