Compostela, 20 de xuño do 2024 – Este mércores tivo lugar a sinatura do convenio que actualiza os custos e o modelo de financiamento para a nova depuradora da Silvouta en Santiago.

O documento é unha ampliación do asinado no ano 2021 e actualiza os acordos entre Xunta, Acuaes e Concello de Santiago.
O Estado pasa de cubrir o 65%, dun total de máis de 56 millóns, ao 80% dos actuais 60 millóns. Este novo reparto de custos suporá un aforro de 11,4 millóns de euros para o Concello de Santiago. A Xunta de Galicia non modifica a súa achega, que fixou en 10.826.000 euros procedentes de Augas de Galicia.

O Concello, pola súa banda, xa realizou unha achega de 300.000 euros durante a fase de redacción e tramitación do proxecto construtivo da EDAR e do proxecto da acometida eléctrica. O resto do importe que lle corresponde sitúase en 874.000 euros e terá tamén que afrontar os custos de explotación da EDAR durante a obra.
Acto de sinatura
O Pazo de Raxoi acolleu o acto de sinatura do acordo. Asinaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, como presidenta de Augas de Galicia; e Rosa Cobo, presidenta executiva de Acuaes.
Goretti Sanmartín congratulouse da sinatura e agradeceu o apoio do Goberno central e da Xunta nun proxecto “que xa se está convertendo nunha realidade material”. Dende o inicio, lembrou, houbo “cambios ministeriais, decisións para atoparlle o lugar adecuado, novas propostas tecnolóxicas, e novos programas de fondos. Xa sei que paga máis a pena mirar cara a diante pero da traxectoria deste proxecto todos e todas podemos tirar conclusións para afrontar coa dilixencia, intelixencia e a altura de miras os obxectivos que realmente son importantes para transformar o noso concello e a vida da nosa veciñanza”, afondou.
A rexedora cualificou a EDAR coma un “un proxectos imprescindible para devolver á vida o río Sar, tan importante na nosa identidade cultural colectiva e tan necesitado dun tratamento adecuado, que merece o acordo unánime de todas as forzas políticas e a colaboración man a man de todas as administracións”.
As obras da depuradora iniciáronse o 14 de febreiro. Tras rematar a explanación xeral e a montaxe do campamento de obra, centráronse nas escavacións dos recintos do tratamento previo e da decantación primaria.
Finalizadas as obras, a mediados do ano 2026, a nova depuradora permitirá aumentar a capacidade de tratamento actual ata 52.000 metros cúbicos ao día e reducir a carga contaminante de nitróxeno e fósforo.