Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Xeral

Investigadores da USC alertan do risco de perda de especies de flora, únicas no mundo, por culpa do proxecto de Altri en Palas

adegas-informes-da-usc-desminten-altri-slide-28-xunho-2024-(1)_r

Bisbarra, 28 de xuño do 2024 – Mentres que a loita social contra o proxecto de Altri para Palas continúa, seguen aparecendo informes que cuestionan todo o desenvolvemento medioambiental da planta que se quere instalar.

Santiago Ortiz, catedrático de Botánica da USC e Miguel Serrano, profesor do Departamento de Botánica da USC, membros do Grupo de investigación “Análise e conservación da biodiversidade”, xunto con Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA e Mónica Cea, membro da Plataforma “Ulloa Viva”, deron conta dos graves impactos do “Proxecto GAMA” de Altri á biodiversidade ameazada, particularmente, aos endemismos botánicos en perigo crítico presentes na zona afectada.

 Un patrimonio natural único no mundo

 As denominadas serpentinitas de Melide constitúen un dos espazos de maior interese botánico da Península Ibérica. Situadas no centro da Galiza, presentan unha diversidade de hábitats singulares que se estenden desde os cumes fríos e húmidos da Serra do Careón até as ribeiras do Ulla.

Presentan afloramentos de rochas ultrabásicas serpentinizadas, moi raras na superficie terrestre, que orixinan solos con altos valores naturais de metais pesados e baixa fertilidade. Este xogo de condicionantes ambientais tan particulares levaron a que a zona teña funcionado como un laboratorio evolutivo, dando lugar a unha explosión de biodiversidade única.

O isolamento derivado do substrato ultrabásico deu lugar a procesos de especiación en plantas que acadan o seu maior expoñente nas especies endémicas estritas descritas até a data. Destacan a Armeria merinoi Nieto Feliner & Silva Pando, o Leucanthemum gallaecicum R.Oubiña & S.Ortiz, e a Santolina melidensis R.Oubiña & S.Ortiz, exclusivas da zona, así como a Centaurea gallaecica (M.Laínz) Arnelas & Devesa, está tamén presente nalgúns outros pequenos afloramentos ultrabásicos, satélites do principal de Melide.

O Catálogo de especies ameazadas de Galiza (Decreto 88/2007, de 19 de abril) contempla a Armeria merinoi, Leucanthemum gallaecicum e Santolina melidensis na categoría “En perigo de extinción”, mentres que Centaurea gallaecica consta como “Vulnerábel”.

Desde que entrou en vigor este catálogo, a Xunta de Galiza ten contratado a realización de dúas memorias técnicas (en 2007 e en 2019) para sustentar os Planos de Recuperación dos tres endemismos estritos en perigo de extinción, sen que finalmente se aprobara ningún documento legal ao respecto. Mentres tanto, o proceso de degradación do hábitat ten continuado, coa desaparición constatada de varias poboacións tras a roturación e transformación en prados e cultivos de eucalipto deses lugares, alén das obras da autovía Lugo-Compostela.

Destrución directa de endemismos e inviabilidade da translocación de exemplares

O proxecto de implantación das fábricas de celulosa e fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei ocuparía 366 ha, eliminando unha parte significativa da área máis relevante para a flora ameazada e protexida do afloramento serpentinítico e destruíndo de forma directa diversos núcleos das catro especies endémicas estritas, así como varios hábitats de interese prioritario para a UE.

Debe subliñarse que estas especies en perigo están ligadas a un tipo particular de solo, os leptosolos magnésico-móllicos, cuxa particular estrutura é practicamente imposible de reproducir unha vez alterados. No seu estado óptimo, estes solos son cada vez máis escasos, sendo un dos principais condicionantes da presenza das especies e comunidades de maior interese conservacionista.

Debido a isto, segundo explican os investigadores, non é viable calquera proposta compensatoria ou paliativa de translocación destas especies vexetais desde a zona afectada a localizacións onde o solo non presente esta estrutura, pois que o solo sexa derivado de rochas ultrabásicas non é condición suficiente para lograr un asentamento perdurable destas especies. Se o solo non reúne a estrutura necesaria as especies de interese son desprazadas por outras máis competitivas, polo que a media sería un fracaso. E nos poucos lugares que aínda a reúne, as especies xa están presentes e calquera actuación de translocación sería en si mesma unha ameaza.

Cómpre citar que o espazo delimitado como parcela industrial acolle tamén fauna ameazada, nomeadamente moluscos terrestres, insectos, anfibios e aves de espazos abertos, grupos en recoñecido declive que se verían directamente afectados polo proxecto. Paradoxalmente, os promotores pretenden conseguir fondos públicos relacionados coa descarbonización e a mellora ambiental dos procesos industriais.

Investigadores e ecoloxistas “rexeitan a instalación das fábricas de celulosa e fibras téxtiles promovidas por Altri-Greenfiber (proxecto Gama) en toda área con presenza do afloramento das serpentinitas de Melide, e exhortamos ás institucións galegas, españolas e europeas a defender o patrimonio natural e impedir a gravísima afección á biodiversidade vexetal única presente na zona que provocaría este proxecto industrial”. Este posicionamento vén de ser refrendado a pasada semana pola Xunta de Facultade de Bioloxía da USC.

Post navigation

Previous: Compostela xa ten orbital
Next: A Alba de Gloria volve ao Pico Sacro

Máis novas

bisbarra eleccions e lista 14 outubro 2026
4 minutes read
  • Xeral

Municipais 2027: tambores de eleccións, os partidos moven fichas

frades oroso obra enlace 14 outubro 2026 (3)
3 minutes read
  • Xeral

Frades e Oroso arranxan a estrada de O Fontelo a A Igrexa

no adscritas sabugueir labacollla 9 de outubro do 2026
6 minutes read
  • Xeral

Críticas ao PIA de Sabugueira, en Compostela

composyela transitos fest 9 outubro 2026
4 minutes read
  • Xeral

Tránsitos Fest

USC LEGO SERIOUS PLAT 8 DE OUTUBRO DO 2026 (1)
2 minutes read
  • Xeral

Emprender xogando con Lego e a USC

AMES CONTRATO DE MANTEMENTO DE LUMINARIAS 8 DE OUTURBRO DO 2026
4 minutes read
  • Xeral

Ames presenta o novo servizo de mantemento do alumeado público

compostela reapertura museo de maxia 18 novembro 2025 (1)
3 minutes read
  • Xeral

O Museo da Maxia de Galicia crea unha Escola de Maxia 

brion orzamento 07 outubro 20026
3 minutes read
  • Brión

Brión quere aprobar hoxe o orzamento máis alto da súa historia

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2085) Ciencia (115) Comercio e empresa (665) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2818) Curtocircuito (40) Deportes (750) Economía (450) Educación (777) eleccions (49) Emprego (244) Entroido (42) Festas e Feiras (622) Festivais (837) Galego (146) Institucións (1439) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1622) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (824) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (736) Politica (950) saúde (533) Servizos (2699) sindicatos (109) Social (563) sucesos (133) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (703) Turismo (223) Universidade (586) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.