Compostela, 21 de xuño do 2024 – Tras a denuncia da Asociación Raigame sobre a posible instalación dun casino ao carón de centros escolares o concello responsabiliza á Xunta de Galicia.
Desde o goberno municipal lémbrase que autorización dun casino precisa da autorización sectorial que, en este caso, recibiu da Xunta de Galicia como responsable. O concello o único que concedeu foi unha licencia de obra “de reforma para o acondicionamento dun local destinado a casino de xogo”, un procedemento regrado que se concede ao recibir o informe favorable da Xunta de Galicia.
Desde o concello tamén explican que a eles só lles compete “a verificación do cumprimento da normativa urbanística e da normativa técnica aplicable, pero non ten competencia para valorar a distancia a centros escolares”.
O goberno municipal destaca que “é obriga da Xunta comprobar que a instalación dun casino cumpre os requisitos legais da normativa sectorial, incluída a distancia aos centros educativos”. Engaden que a normativa que aplicou a Xunta a esta petición é anterior á normativa vixente, que entrou en vigor o 6 de outubro de 2023, tres meses despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
O expediente na Administración autonómica por parte da empresa promotora de este proxecto iniciouse o 4 de outubro, dous días antes de que entrase en vigor a actual normativa moito máis restritiva e que era xa coñecida dende o mes de xullo.
O casino estaría situado na avenida de Vilagarcía e formaría parte da empresa Casino del Atlántico que xestiona o de Coruña. Arredor do novo casino están distintas salas de apostas ou un bingo en Montero Ríos pero tamén centros escolares como o Instituto Eduardo Pondal.