https://www.dacoruna.gal/Compostela, 28 de xuño do 2024 – Na recen inaugurada Casa RIA, en Compostela, foi presentado o “Atlas urbano da sustentabilidade en Galicia” que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, defendeu a colaboración entre todas as administracións públicas como un aspecto clave para lograr os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) recollidos na Axenda 2030 da ONU.
Durante a presentación do Atlas Formoso recordou que a finalidade dos ODS é marcar un rumbo para a sustentabilidade e o progreso, polo que invitou a buscar un equilibrio entre ambos propósitos.
O presidente provincial aplaudiu o Atlas como “unha boa ferramenta”, útil tanto para o eido público como para o privado, e agradeceu que conteña unha “análise prudente” da situación dos ODS nas cidades galegas.
Destacou tamén a necesidade de dispor de indicadores e de interpretalos para comprobar “se estamos no bo camiño” e felicitou ao equipo responsable da iniciativa por incorporar nesta segunda edición do estudo factores socioeconómicos que amplían a visión respecto da primeira publicación.
Formoso invitou a incluír en vindeiras edicións perspectivas complementarias á local, xa que moitos dos indicadores que recolle o estudo transcenden ás competencias municipais, como a sinistralidade laboral ou o saneamento, un aspecto este último no que as entidades locais “si teñen competencias, pero necesitan da colaboración doutras administracións”.
Sinalou, tamén, que en outras ocasións dáse a situación contraria, cando a Administración autonómica ou estatal precisa de colaboración da local para desenvolver determinadas políticas ou proxectos. “Para poder cumprir os obxectivos de desenvolvemento sustentable non chega co labor municipal. É necesaria a acción autonómica e estatal”, concluíu.
Concordou con el a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que tamén participou na presentación e que subliñou a necesidade de “impulsar a coordinación” entre as administracións e que “Galicia ten que ser ambiciosa nos obxectivos de desenvolvemento sustentable”.
O “Atlas urbano da sustentabilidade en Galicia” está promovido por Economía Digital Galicia e conta entre os seus colaboradores coa Deputación da Coruña. Julián Rodríguez, director do medio de comunicación, destacou que a publicación é froito “dun ano de traballo” e que o que pretende é afondar no grao de cumprimento dos ODS nas sete cidades galegas.
Na presentación participou tamén Xosé Gabriel Vázquez, sociólogo e profesor da Universidade da Coruña que dirixiu o estudo.