Bisbarra, 27 de maio do 2024 – Melide ven de recibir unha doazón de catro parcelas tal e como viña reflectido no testamento de Liduvina López Mosquera e Manuel José Fernández Taboada.
Os terreos cedidos a Melide terán que ser xestionados pola persoa directora do Centro de Servizos Sociais de Melide e o cura párroco da localidade en beneficio exclusivo da terceira idade. A doazón, non suxeita a gravame, permitirá ao Concello dar cumprimento destas disposicións e destinalas ao fin orixinalmente contemplado nas derradeiras vontades.
O Concello acepta deste modo a doazón efectuada, como albaceas, por José Manuel Melle Parajuá en calidade de cura párroco de Melide, e por Miguel Pampín Rúa na de director do Centro de Servizos Sociais. A adquisición tivo lugar en réxime de doazón polo procedemento de adxudicación directa a título gratuíto sen carga nin gravames.
As catros parcelas serán destinadas, en cumprimento dos expresos desexos dos propietarios orixinais, a obras e atencións en beneficio dos servizos sociais de Melide, con carácter exclusivo. O alcalde, José Manuel Pérez, agradece o xesto dos propietarios orixinais e dos albaceas para incorporar ao inventario de bens municipais estes recursos en beneficio das e dos maiores do concello.