Bisbarra, 25 de xuño do 2024 – Na noite do pasado xoves uns descoñecidos accederon ao depósito de auga de Dodro, situado nun monte da parroquia de Vigo. Para o acceso cortaron a malla metálica que rodea o recinto e o candeado que serve de peche.
O venres a primeira hora foi detectada a intromisión polo que responsables de Viaqua procederon a presentar unha denuncia ante a Garda Civil de Padrón. Os danos causados están valorados en 1500 euros pero a empresa xestora destaca o perigo de acceder a unhas instalacións nas que se usan reactivos para o tratamento da auga. A manipulación dos dosificadores pode resultar un perigo para a saúde pública.
No serán do mesmo venres de novo descoñecidos accederon ao recinto rompendo as bridas que se puxeran provisionalmente para soster o peche metálico. En ningunha das dúas intromisións se causaron máis danos que os do peche. A denuncia realizada pola primeira intromisión foi ampliada o venres cos novos sucesos.
Desde o concello de Dodro pídese colaboración para detectar e advertir posibles accesos a bens públicos como é o caso do depósito de auga de Vigo.