Bisbarra, 27 de maio do 2024 – O concello de Teo nomeou a Paula Carballeira, Manuel Quintana Martelo e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe fillos adoptivos do municipio.
A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, presidiu o evento nun auditorio municipal Constante Liste abarrotado de público. Un acto que premiou as contribucións dos galardoados ao mundo da cultura en xeral e que “achegan unha singularidade adicional ao Concello de Teo coas súas contribucións ao mundo das belas artes, do turismo e da literatura”.
Lucía Calvo engadiu que “estas mencións permiten vencellar directamente Teo coa cultura, dando a coñecer este Concello ao resto do mundo”. Por iso, dixo, “cómpre preservar o legado destes ilustres veciños, vencellados para sempre desde hoxe ao municipio teense”.
O acto de entrega destas distincións, que estivo amenizado polo cantautor Manoele de Felisa e incluíu a actuación do grupo Música en mis Manos, contou coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García; ademais de directores xerais da Xunta de Galicia, alcaldes de concellos veciños como Boqueixón, Rois, Oroso, O Pino e Trazo.
Tamén estiveron artistas e deportistas de elite, así como deputados e gran parte da Corporación Municipal, coa presenza dos concelleiros que conforman o equipo de goberno e representantes do PSOE e BNG de Teo.
Aprobación no Pleno Municipal
O nomeamento destes tres persoeiros foi aprobado no Pleno do Concello de Teo por iniciativa da Alcaldía, co apoio das forzas políticas municipais do PP, PSOE e BNG e co abstención do partido PXCT.
A escritora Paula Carballeira ten unha ampla produción en narrativa, poesía e teatro. Foi gañadora ata en tres ocasións do premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil: en 2006 por Boas Noites, en 2011 por O refugallo e en 2018 por Somos os monstros. Ademais, o pasado ano foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática que concede o Ministerio de Cultura y Deporte.
O artista plástico Manuel Quintana Martelo conta cunha dilatada traxectoria artística internacional. Actualmente ostenta a presidencia da Real Academia Galega de Belas Artes, en onde, baixo o seu mandato, puxo en marcha o “Día das Artes de Galicia”, conseguindo levar a arte galega -por primeira vez- ao Museo do Prado de Madrid. Un referente global da arte contemporánea que expuxo en numerosos museos, entre eles o Moma de Nova York.
Por último, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, coartífice da Autonomía de Galicia. Foi un dos integrantes da denominada “Comisión dos 16” autores e impulsores do primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia nos comenzos de 1979. Puxo en funcionamento o Centro Superior Bibliográfico de Galicia, impulsando a rede de infraestruturas culturais a través da creación de casas de cultura nos municipios de Galicia.
Así mesmo, sendo conselleiro de Educación, canalizou a asunción de competencias de xestión do sistema educativo e da ordenación universitaria, conseguindo a plena escolarización en Galicia. En 2010 recibiu a Medalla de Ouro de Galicia polos seus traballos a prol do turismo e da promoción do Ano Santo Xacobeo en Santiago de Compostela.