Compostela, 10 de xuño do 2024 – A Deputación da Coruña e o concello de Santiago de Compostela colaborarán nas obras de reforma da cuberta do estadio municipal Verónica Boquete, en San Lázaro.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2024/06/compostela-deputacion-estadio-vero-boquete-normal-10-xunho-2024_r.jpg)
O anuncio sae dunha reunión entre o presidente da Deputación, Valentín González, e a alcaldesa, Goretti Sanmartín, na que tamén participaron o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Miriam Louzao, e a concelleira de Deportes e Relacións Veciñais, Pilar Lueiro.
Ao remate do encontro, Formoso anunciou que a Deputación colaborará cunha achega de ata 850.000 euros que se articulará a través dun expediente de modificación de créditos ao longo do presente ano, o que dará un prazo duns meses ao Concello para redactar o proxecto.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2018/06/pp-compostela-estadio-san-lazaro-aparcamento-slide-5-xunho-2018_r.jpg)
Gonzalez Formoso afirmou que “Imos comezar facendo unha achega importante para renovar a cuberta, atendendo así a principal demanda do goberno municipal”. O presidente provincial demandou ademais “a implicación da Xunta” na mellora de instalación deportivas. “Non pode ser que a Xunta, que ten as competencias en Deporte, financie só infraestruturas deportivas en Ferrol e non o faga, por exemplo, en Santiago ou na Coruña”, afirmou.
Formoso e Samartín abordaron tamén a intención da Deputación de contar cunha delegación en Santiago. O presidente destacou que a institución provincial “contará cunha sede na capital de Galicia antes do final do mandato, en 2027” e que anunciou que actualmente está barallando diferentes emprazamentos para un edificio que, entre outras funcións, debe acoller unha oficina de atención tributaria e un auditorio, xa que a idea é que non só ofreza servizos administrativos, senón tamén que sexa versátil e estea aberto á cidadanía, podendo acoller actividades de carácter lúdico, social e cultural, tal e como estaba previsto no proxecto da Casa da Xuventude.
Aproveitando a reunión de traballo, Formoso e Sanmartín asinaron os convenios para o financiamento do funcionamento dos centros socioculturais do rural e do Ensanche de Santiago, aos que a Deputación destina 220.000 euros.
A Deputación financiará o 60% os servizos de animación sociocultural e de novas tecnoloxías de 21 centros socioculturais do rural do municipio santiagués. Dito orzamento prevé un gasto de persoal para a execución destes servizos de 150.000 euros, dos que ata 90.000 serán aportados pola institución provincial para apoiar actuacións moi variadas e dirixidas para todos os públicos, para nenos e nenas e para adultos.
Doutra banda, o ente provincial financia de xeito parcial os 230.145,18 euros de custos de soldos e salarios e Seguridade Social do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, que conta con dúas persoas animadoras socioculturais, unha auxiliar administrativo e tres uxieres. O documento asinado prevé unha achega por parte da Deputación de 130.000 euros, que representan unha porcentaxe do 56,5% dos gastos sinalados.
Este Centro Sociocultural do Ensanche ofrece actividades formativas anuais dirixidas a persoas adultas e á infancia, actividades complementarias realizadas por asociacións, actividades puntuais como reunións, rutas, visitas ou circuítos saudables e actividades sociais, entre as que destacan os obradoiros de Nadal e Entroido, o baile a colaboración nas festas do barrio.
Finalmente, abordouse a posibilidade da colaboración da Deputación nun proxecto cultural colaborativo proposto polo Concello de Santiago, que se estudará en detalle a nivel técnico.