Bisbarra, 11 de xuño do 2024 – Tras unha reunión entre o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, o organismo autonómico “A revisar a achega do goberno galego ao financiamento do servizo de axuda ao fogar”.

A presión por parte dos concellos máis pequenos cara a Xunta viuse incrementando nos últimos tempos. A demanda económica do SAF crece e as aportacións autonómicas nunca cobren máis do oitenta por cento. A reunión enmarcouse polo tanto nun contexto complicado no que algúns municipios chegaron a ameazar con deixar de prestar o servizo.
O SAF foi, como moitas veces pasou, un servizo que comezou moi timidamente pero que unha vez implantado é imposible de deixar xa que a demanda é real. Nunha comunidade tan rural e tan envellecida a axuda a domicilio é un dos piares da asistencia social, máis… a quen lle toca?
O labirinto das competencias
Segundo a que pregunte un, concellos ou Xunta, a competencia é do outro. A normativa é clara pero en moitas ocasións realizouse sen consenso ou sen unha definición clara da parte económica. O último caso o da “Lei de benestar animal”; obriga aos concellos a facerse cargo dos animais abandonados, o que supón un gasto, pero non explica de onde sacarán eses cartos extra que precisa.
Co SAF pasou algo parecido. A orde que regula a prestación do servizo de axuda a domicilio e complexa polo que imos quedar con dúas claves. No artigo 11 “formas de prestación do servizo” dise que “se prestará polas entidades locais, ben directamente ou ben nas diversas modalidades de contratación…”.
Pero si seguimos lendo no artigo 4, un pouco máis abaixo, o que di a normativa é que “sen prexuízo do establecido no apartado 1, os servizos poderán prestarse mediante fórmulas de colaboración institucional entre as administracións competentes”. Os concellos o teñen que prestar pero non teñen porque estar sós.
Financiamento
O principal problema do SAF é o financiamento. Os concellos teñen un volume de gastos enorme e, a dicir dos alcaldes, moitos deles non lles competen. Poñen de exemplo a limpeza dos centros escolares ou dos centros de saúde, agora a mencionada lei de benestar animal ou o SAF.

No 2016 modificábase a norma de financiación e a nova redacción di que “a achega da Xunta será igual á diferenza entre o custo do servizo, declarado pola corporación local na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais máis recente dispoñible, menos o importe da participación de cada usuario no custo do servizo, por hora efectiva de atención xustificada as persoas con Programa individual de atención de servizo de axuda no fogar”.
A resta é doada, o cen por cen menos o que pague o usuario que dependerá da súa renda seguindo os criterios dos servizos sociais do concello. O problema é que a conitnuación o mesmo texto introduce unha limitación “En todo caso a achega por parte da Xunta de Galicia será dun máximo de 9,7 € por hora efectiva de atención xustificada a persoas con Programa individual de atención de servizo de axuda no fogar”.
Esa cantidade foi aumentado desde a publicación da normativa pero nunca chega ao cen por cen que se prometía. A normativa contempla a compensación das cantidades se a previsión de gasto do concello é maior que o ano anterior; pero a diferencia darase en máis horas e non en cartos. O resultado é que a Xunta cada ano aumenta o número de horas de SAF que paga pero decide tamén cantas máis da a cada municipio.
Compromiso
Na nota emitida onte falase non só do SAF, tamén das Unidades de atención a drogodependentes, as UADS. Mándase un recado ao goberno central que, segundo a Xunta, debe 200 millóns de euros a Galicia pola Lei de dependencia.
Nunha intervención posterior á reunión , o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo explicaba que o financiamento local “ten que ir asociado á reforma do financiamento autonómico que o Goberno central debe tratar coas comunidades”.
Calvo engadía que “para compensar os desfases do actual sistema de financiamento, a Xunta incrementa cada ano as achegas ás entidades locais a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) acada os 152 millóns de euros este ano”.
Un auténtico labirinto normativo e dialéctico no que os concellos máis pequenos saen perdendo sempre, asumen servizos sen que leven aparellada unha financiación suficiente.