Actualización 11.30: O Conello de administración da EPEL celebrouse esta mñá as dez. Finalmente o punto quedou sobre a mesa por falta de documentación. O PP pedira ver o cadro de baremación e tanto BNG como Espazo Común votaron a favor de deixar sobre a mesa o tema.
Bisbarra, 7 de xuño do 2024 – Espazo Común non anda con medias tintas e acusa ao goberno municipal de crear “a primeira porta xiratoria do concello de Ames”.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2024/04/ames-augas-logotipo-normal-5-abril-2024_r.jpg)
O alcalde Blas García é o que fai a proposta de Genma Otero, ex concelleira, como presidente do Consello de Administración da EPEL, a Empresa municipal de Augas de Ames. Unha proposta que para Espazo Común facilita “o acceso dunha persoa que ocupou un cargo público ata fai ben pouco e que lembremos é a que menos puntuación acada en formación de todas as aspirantes ao cargo”.
Para Espazo Común Ames trátase dun “traxe feito a medida revestido de legalidade e mais si temos en conta que nas bases establecíase un máximo de 12 puntos para a experiencia en postos/cargos directivos dentro do sector privado a razón de 0,12 puntos/mes (equivalente a 8 anos) e 50 puntos polos servizos prestados en órganos superiores do sector público local (Alcalde e membros da Xunta de Goberno Local), a razón 0,52 puntos/mes (equivalente a 8 anos)”.
Tamén lembran desde Espazo Común que foi precisamente Genma Otero unha das impulsoras “dun código ético e de boa gobernanza que no seu art. 12 a) fala de absterse de promover calquera procedemento de contratación pública con persoas físicas ou xurídicas coas que mantivese algún tipo de vinculación laboral ou profesional nos últimos dous anos previos ao nomeamento”.
Para Espazo Común esta situación pode “xerar conflitos de interese e falta de transparencia nas decisións que tome a entidade, socavando así a confianza da veciñanza e que pode comprometer a xa pouca credibilidade que ten o goberno en materia de transparencia e uso dos recursos públicos”.