Bisbarra, 4 de xuño do 2024 – A aposta do concello da Baña pola Feira do primeiro luns de cada mes dou os seus froitos e foi un éxito de público e de postos.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2024/06/A-BANHA-EXITO-POSTOS-FEIRA-normal-4-XUNHO-2024-1_r.jpg)
A iniciativa para impulsar e dinamizar a feira mensual viuse apoiada coa presenza dunha trintena de postos no mercadiño ambulante e de moitos veciños e veciñas que se achegaron ata San Vicenzo para mercar e comer polbo.
Dende primeira hora da mañá foise achegando a xente ata San Vicenzo para pasear polo mercadiño e ver as ofertas da trintena de postos que se instalaron este primeiro luns de xuño: roupa, bixutería, prantas, calzado, pan, churros, entre outros.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2024/06/A-BANHA-EXITO-POSTOS-FEIRA-normal-4-XUNHO-2024-2_r.jpg)
A partir de mediodía incrementouse a fluencia ao mercado e á polbeira, que xa comezou a servir as primeiras racións de polbo pouco despois da doce. Precisamente, a presenza da polbeira na feira da Baña é unha das novidades desta iniciativa do goberno local para dinamizala.
O Concello ofreceu un vale desconto de dous euros para comer o polbo a todos os que fixeron compras por importe superior aos 15 euros tanto nos postos do mercadiño como no comercio e hostalería da Baña. Esta promoción estará vixente tamén na feira do mes de xullo (que se celebrará o día 1) e cada persoa pode trocar un máximo de dous vales cada día.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2024/06/A-BANHA-EXITO-POSTOS-FEIRA-normal-4-XUNHO-2024-3_r.jpg)