Bisbarra, 3 de xuño do 2024– Pleno intenso en Ames coa reprobación da concelleira de educación, Carmen Porto, como o asunto que xerou máis debate na sesión.

Unha reprobación que finalmente decaeu xa que o Partido Popular decidiu absterse. BNG e Espazo Común, que presentaban conxuntamente a moción, insistiron en que se trataba dunha demanda de todas as ANPAS do concello. A concelleira defendeu o seu traballo e relatou todas as reunións mantidas ao longo dos últimos meses. O Partido Popular pediu que se achegaran posturas pero considerou que había argumentos suficientes para a reprobación.
BNG e Espazo Común insistiron tamén en que o feito de que a concelleira tivera tan só media dedicación era un exemplo do que se mnusvaloraba a área en comparación cos mandatos anteriores. O alcalde Blas García lembrou que o anterior concelleiro de educación, David Santomil do BNG, tamén recibira unha petición de reprobación. ao que lle contestaron que en aquela ocasión fora por mudar de sitio unha cabalgata de reis, nada que ver coa actualidade.
Novo concelleiro e plan Agader
O primeiro tema que se abordou foi a toma de posesión de Carlos García Vieito, como novo concelleiro do grupo municipal do BNG, trala renuncia de David Santomil. Tamén se aprobaron por unanimidade dous proxectos incluídos no Plan Agader 2024-2025 (mellora do viario de Tras do Cabalo e outros, cun orzamento de 26.560,76 euros; e mellora do viario en Prumariño e outro) que conta cun presuposto total de execución por contrata de 33.178,15 euros.
Regulamento da Factoría e Centro Deportivo A Telleira
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a aprobación inicial do regulamento municipal de uso e funcionamento do local A Factoría, dedicado a ensaio e reunión e que vén funcionando dende o ano 2020, pero que ata o de agora carecía dun instrumento regulamentario para o seu funcionamento.
Ademais, aprobouse por unanimidade a revisión de prezos do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira, para os exercicios 2019 e 2020, do que resulta unha indemnización de 28.167,26 euros.
Declaración institucional e moción de solidariedade co pobo palestino
Na sesión plenaria de maio tamén se abordou a declaración institucional de apoio ás persoas enfermas de ELA, que foi aprobada por unanimidade; e a moción do grupo municipal socialista de solidariedade co pobo palestino. Esta moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Bloque Nacionalista Galego e Espazo Común. Os/as concelleiros/as do Parido Popular, abstivéronse.
A gravación do pleno está na canle de Youtube do Concello de Ames.