Compostela, 3 de xuño do 2024 – O pasado venres o reitor da USC, Antonio López, viuse obrigado a suspender o Consello de Goberno que estaba previsto celebrar no Centro de Estudos Avanzados.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2019/07/Universidade_2895-slide_r.jpg)
Tratábase dunha sesión ordinaria que non puido comezar xa que un grupo de 35 persoas, que se identificaron como membros da “Asemblea internacionalista do estudantado e da clase traballadora”, impediron o acceso aos membros do órgano de goberno da USC.
A posición da USC
A institución, tanto mediante a declaración institucional acordada por unanimidade na sesión do Claustro do mes de novembro de 2023, como a través do manifesto do equipo de goberno asinado polo propio reitor o pasado día 22 de maio, establece o diálogo coas diferentes fórmulas de representación da comunidade universitaria como única vía para chegar a acordos que poidan ser asumidos polos membros da comunidade.
O equipo de goberno segue a respectar o dereito á libre e pacífica manifestación, pero ante a situación vivida nesta mañá, e atendendo á evolución das accións emprendidas pola devandita asemblea, a decisión tomada polo reitor foi a de suspender a sesión do Consello de Goberno.
Seguintes pasos
O venres o reitor convocou ás diferentes instancias de goberno co obxectivo de facelas partícipes da situación e buscar o máximo consenso sobre as decisións a tomar. Ademais, e en vista desta situación, tamén será convocada a representación do estudantado.