Compostela, 28 de maio do 2024 – Os problemas para atopar un taxi, denunciados por todo o sector hostaleiro e hoteleiro, levan ao concello de Santiago a solicitar máis licenzas de taxi.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2016/11/ames-parada-taxis-normal-17-novembro-2016_r.jpg)
Compostela pediralle á Xunta de Galicia que permita a creación de 29 novas licenzas de taxi en Santiago, a metade delas para vehículos adaptados. Tamén se solicita a modificación da actual lexislación para que se poidan crear licenzas temporais.
O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, deu conta do acordo adoptado pola Xunta de Goberno para aprobar o estudo de mobilidade para a tramitación dun cupo específico do número de licenzas de taxi en Santiago.
O documento será remitido á Xunta que terá que emitir un informe vinculante ao respecto. O informe xustifica a necesidade de incrementar o número de licenzas de taxi en Compostela, “porque aínda que se cumpre a ratio legal dunha licenza por cada 1.000 habitantes, a realidade é que existen datos oficiais e evidencias que demostran que a oferta é insuficiente para atender a demanda real deste servizo”.
O estudo alude “ás circunstancias especiais de Santiago que incrementan a demanda de taxis, como son a capitalidade, a presenza de servizos públicos relevantes como os universitarios e sanitarios, o impacto do Camiño de Santiago e do turismo, e en particular do turismo de congresos; e mesmo a dispersión da poboación e as condicións climatolóxicas”.
Poboación vinculada
A diferenza entre as necesidades de taxi e a ratio de un vehículo por cada mil habitantes, que se cumpre, ven da denominada poboación vinculada. Está poboación está definida polo Instituto Nacional de Estatística como “o conxunto de persoas que teñen algún tipo de relación presencial estable cun concello, xa sexa porque residen alí, porque estudan ou traballan nel, ou porque adoitan pasar nese concello certos períodos de tempo durante o ano”.
Tal e como explicou Xan Duro, “Santiago ten a maior porcentaxe de poboación vinculada das grandes cidades galegas, cun 176% fronte ao 126% de Vigo ou o 140% da Coruña”. Isto significa que “por cada 100 persoas residentes no noso municipio, hai outras 77 con vínculos na cidade por estudos, traballo ou outras causas que implican durmir nela máis de 14 noites ao ano”.
Desta maneira, e se se ten en conta a poboación vinculada para establecer o cupo de licenzas de taxi, Santiago precisaría de 29 licenzas máis para cumprir a ratio de unha licenza por cada 1.000 habitantes.