Compostela, 19 de xuño do 2024 – A Maker Faire Galicia cumpre dez anos volvendo ao escenario da primeira edición, en Área Central, pero tamén crecendo e propoñendo tres citas distintas ata finais de ano.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2024/06/maker-faire-galicia-normal-19-xunho-2024_r.jpg)
A Maker Faire Máis Clásica celebrarase o vindeiro día 29 en Área Central. Unha xornada que crece tamén en actividades, obradoiros, charlas e mostras de todo tipo. Unha xornada centrada na innovación social na que se presentarán 45 proxectos nas categorías de Minimakers, Makers, Divulgación e a propia Innovación Social.
O evento arrancará ás 10 da mañá, e ao longo de toda a xornada sucederanse charlas de diferentes persoas referentes e presentacións de proxectos impulsados tanto desde o sector público como do privado. A xornada finalizará cunha entrega de premios e o concerto de Mary Iglesias.
A concellaría de Promoción Económica participa impulsando unha serie de actividades paralelas, como obradoiros de tattoo, stencil, cúpulas xeodésicas, origami matemático ou pintura de pezas 3D. Tamén haberá scape room, monólogos científicos e mesmo espectáculos de maxia vinculados á tecnoloxía. Todas as actividades da xornada da Maker Faire, serán de balde e ademais, haberá servizo de ludoteca para as crianzas.
Presentación
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou a X edición da Maker Faire Galicia nunha rolda de prensa na que tamén participaron o coorganizador do evento, Marcos Saavedra; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández: a directora do IGAPE, Covadonga Toca; e a xerente de Área Central, Sara Castedo.
A tenenta de alcaldesa lembrou que “o Concello de Santiago mantén unha estreita colaboración co mundo maker, que estamos a reforzar con iniciativas novidosas que nos permitirán visibilizar o talento e a creatividade que temos en Santiago”.
Marcos Saavedra, coorganizador da Maker Faire, agradeceu que o evento “manteña os apoios cos que naceu hai 10 anos, e sen os que podería medrar como medrou”. Ademais, explicou que o novo formato desta décima edición “procura que se fale da Maker Faire durante todo o ano, e facilítanos traer máis ponentes”.
Próximas xornadas
Despois da xornada do 29 de xuño, a Maker Faire volverá cunha xornada dedicada aos oficios, o 8 de novembro na sede da Fundación Laboral da Construción, coa participación de Artesanía de Galicia.
O 13 de decembro, e coa colaboración do IGAPE, celebrarase unha xornada dedicada á innovación no ámbito da industria, que se desenvolverá no Biopolo Sionlla.