Compostela, 18 de xuño do 2024 – BNG e Compostela Aberta celebraron un almorzo informativo con motivo do primeiro ano de goberno no que avanzaron a suspensión de licencias e comunicacións previas comerciais na zona vella.
Foi unha das decisións aprobadas nunha Xunta de Goberno local que forma parte da suspensión cautelar da reforma da normativa de usos do Plan Especial. Os obxectivos son repensar o modelo comercial, promovendo o comercio local, e fixar poboación no casco vello.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín dixo que “Con esta finalidade imos estudar os eixos comerciais na cidade histórica, as actividades, os seus usos e durante un ano suspender as licenzas e comunicación previas para decidir xustamente cara onde queremos camiñar”.
Na mesma liña a Primeira Tenenta de Alcaldesa, María Rozas, dixo que “esta medida súmase a outras que se foron adoptando neste primeiro ano de mandato, nomeadamente no que tén que ver co control das vivendas de uso turístico, dálle cumprimento ao acordo de Goberno asinado por BNG e Compostela Aberta”.
Goretti Sanmartín lembrou tamén medidas como a posta en marcha do Rexistro de Soares, o impulso dunha empresa pública de vivenda para revitalizar e impulsar o uso residencial do parque de vivenda actual; a disposición para cederlle á Xunta dúas parcelas para a construción de vivenda pública, ou os avances para que Santiago conte cunha taxa turística.
Ao respecto, Goretti Sanmartín explicou que en próximas datas enviarase a proposta da chamada taxa turística ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, un imposto que, dixo, “é un clamor social”.
Balance dun ano de goberno
O goberno destacou os retos do futuro enmarcados nos eixos do mandato: un pulo polo social, a vivenda, a transformación da cidade, os servizos para o rural, os equipamentos e a conversión de Santiago nun motor económico de referencia en toda Galiza. A alcaldesa, ademáis, destacou o feito de ter aprobados os orzamentos e agradeceu, neste sentido, o apoio do PSOE.
A tenenta de alcaldesa tamén quixo salientar os avances en materia social, “como o incremento do 40% no orzamento das bolsas de comedor escolar, ou dun 70% no orzamento do Servizo de Axuda no Fogar”, e no que tén que ver coa participación “coa recuperación de Consellos Municipais que levaban anos sen reunirse, como o de Educación ou o de Cooperación ao Desenvolvemento, ou tamén dos Orzamentos Participativos na área de Xuventude”.