Compostela, 16 de maio do 2024 – O IES Rosalía de Castro de Compostela inaugurou a exposición “Un canto na procura da luz”, unha mostra ao redor da figura de Luísa Villalta.

A exposición sobre a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024 reúne 26 paneis informativos sobre a traxectoria vital e profesional de Luísa Villalta. Na mostra engádese traballos do alumnado deste centro compostelán baseados na autora.

Videopoemas, ilustracións, caligramas e poemas asinados por estudantes de secundaria sobre diferentes aspectos da  súa biografía e mais da súa obra conforman o groso desta exposición que se pode ver no primeiro andar do IES Rosalía de Castro.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, explicou na inauguración da mostra que “Trátase dunha exposición ampla, ben grande e moi completa sobre a figura de Luísa Villalta”. No acto participaron tamén  o director do IES Rosalía de Castro, Xavier Mouriño, así como dous profesores de Educación Plástica Visual do centro, Ana García e Juan José Raíces, e da profesora responsable de Dinamización Lingüística do Rosalía, Marga Romero.

Valentín García transmitiulle os seus parabéns ao alumnado polo traballo nesta exposición e destacou tanto a “sorte” como o “privilexio” que significa estudar nun instituto como o Rosalía de Castro, no que o esforzo “colectivo” da comunidade educativa e a implicación do profesorado proporciona grandes oportunidades de aprendizaxe á rapazada. García rematou a súa intervención brindándolle un consello ao alumnado presente na inauguración: “Levade a cultura e a lingua sempre con vós”.

Escribir para o futuro

Pola súa banda, a profesora responsable de Dinamización Lingüística do centro, Marga Romero, achegou a súa visión sobre Luísa Villalta, autora á que a unía unha longa amizade. “Luísa Villalta escribiu para o futuro”, sentenciou Romero, quen aproveitou a ocasión para trazar un percorrido pola traxectoria da autora. “Foi ensinante, gustáballe dar clase e facíao dende o IES Isaac Díaz Pardo de Sada”, sinalou Romero antes de pór en valor tamén a súa carreira musical como violinista, a súa paixón pola música barroca ou a súa participación na Orquestra Xove de Galicia ou na formación Escaino.

Os traballos realizados polos alumnos e polas alumnas do IES Rosalía de Castro para esta exposición contaron coa implicación, ademais dos xa amentados Raíces, Romero e García, da profesora de galego Sira Vidal e o profesor de latín Xabier Recondo. Ademais, os antigos docentes do centro, agora xubilados, Soledad Pite e Pedro Ávila achegaron á mostra varias ilustracións a xeito de retrato de Luísa Villalta.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies