Compostela, 19 de xaneiro do 2023 – A renuncia como concelleiro de José Manuel Pichel, que contamos no día de onte, non lle chega á oposición que pide máis explicacións sobre todo o sucedido.
Tras a dimisión de Javier Fernández a finais de novembro, Esta nova renuncia abre unha nova crise no equipo de goberno de Santiago e no grupo socialista. Si a de Fernández pareceu provocada desde o propio grupo; a de Pichel, polas declaracións de onte, naceu as costas e sen un motivo claro máis ala do presunto interese económico.
A oposición fala de corrupción
O sucedido comezou coa denuncia de Compostela Aberta sobre o aluguer dunha nave para o departamento de medio rural a unha empresa da que foi accionista, e no principio administrador, o propio José Manuel Pichel. CA considera que a dimisión chega tarde e non aclara o sucedido. A voceira, María Rozas, di que “a renuncia non aclara por que o Goberno ignorou as advertencias da Intervención municipal, e por que visitou a nave alugada antes de redactar o informe de necesidades para a contratación”.
Na oposición está tamén o BNG. A voceira, Goretti Sanmartín, considera que “A dimisión do concelleiro do PSOE evidencia a falta de ética, as corruptelas e os favoritismos que recordan tempos pasados na xestión do Concello de Santiago”. Por outra banda fai responsable directo ao alcalde dicindo que “Co diñeiro público non se pode favorecer unha empresa mediante un contrato a dedo nin prolongalo por estas cantidades tan elevadas e o alcalde é responsábel desta situación”.
O Partido Popular é moi crítico e asegura, segundo o voceiro José Antonio Constenla, que “esta non é máis que a punta do iceberg, polo que esta situación non pode quedar só na dimisión do concelleiro e deberían depurarse máis responsabilidades”. Poñen o foco ademais na relación “das persoas implicadas co Partido Socialista de Galicia e co sindicato UXT-Galicia”.