Compostela, 25 de abril do 2024 – As sete e media, de hoxe xoves, o Museo do Pobo Galego inaugura a exposición Regressar de Raquel Díaz, que estará aberta ata o 28 de xullo.
Regressar é un proxecto visual que mostra o proceso de creación dun libro ilustrado da historia recente da Beira Alta, no interior de Portugal, narrada a través da memoria popular. A mostra mestura ilustracións con diferentes testemuños que falan de como era e como mudou a vida neste lugar.
A Beira Alta é un lugar no que, tradicionalmente, os seus habitantes vivían da agricultura de subsistencia e do pastoreo e que hoxe é un territorio envellecido e moi castigado polo despoboamento. Durante a ditadura salazarista producíase unha forte emigración rumbo a países europeos como Francia, Alemaña, Suíza ou Brasil. Moitas familias cruzaron a fronteira clandestinamente fuxindo da miseria e da represión. Ademais algúns dos seus habitantes tiveron que abandonar as súas casa obrigados polo réxime a loitar entre 1961 e 1974 na chamada Guerra de Ultramar en África.
A Revoluçao dos Cravos puxo fin á Guerra e ao Estado Novo (1926-1974). Pero nas aldeas, a vida non mudou moito despois do 25 de abril. Os retornados volveron das colonias e algúns emigrantes regresaron. Pero a partir dos anos 80 continuou o éxodo por motivos económicos e estas zonas permaneceron abandonadas.
A historia non só debe ser contada a través dos documentos. A historia tamén se atopa na palabra, na voz das persoas que a transitan. Regressar céntrase nas lembranzas da comunidade explorando os vínculos entre a memoria individual e a memoria colectiva. Unha revisión do pasado para entender o presente.
Organiza a exposición o Museo do Pobo Galego, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.