займ срочно

O Clínico de Compostela, dúas posturas e un só problema

0

Compostela, 6 de marzo do 2024 – Os problemas de ampliación do Complexo Hospitalario de Santiago, o CHUS, non son novos pero o comezo das obras no Clínico agravou os xa existentes como sucede co aparcamento.

Aínda que aparcar é o que afecta de xeito directo á veciñanza, forma parte dun todo. A construción dun novo centro de protonterapia, a necesaria colaboración coa Universidade, ou a previsión de ampliación de servizos a futuro deberían ser tidas en conta a medio prazo, do contrario o que se faga no Clínico pode ser insuficiente.

Dúas posturas

Na última reunión presencial a Xunta de Galicia deixou claro que a prioridade é a construción dun aparcamento, a poder ser con parte do financiamento asumido polo concello. A maiores e como compensación prometéronse investimentos no rural, aínda que ninguén entendera moi ben que tiña que ver unha cousa coa outra.

En calquera caso esta proposta foi só verbal. Este martes a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, explicaba, en resposta ás preguntas dos xornalistas, que a proposta nunca chegou por escrito. Non hai un documento que recolla o falado na reunión.

Como resposta o concello de Santiago remitiu a súa proposta nun documento que foi entregado á prensa. Como xa anticiparan na reunión presencial coa Xunta, o proxecto implica unha mellora urbanística da contorna do Clínico e melloras no transporte e os aparcamentos. A lóxica que suxire o documento, difícil de rebater, é que todo o que se faga na parcela do hospital afectará á contorna polo que de pouco serve pensar só na construción dun aparcamento.

Todo parte do desenvolvemento dun PIA, Plan de Interese Autonómico, unha figura legal que permitirá expropiación de terreos, axilidade na tramitación e financiamento. As bases de calquera proxecto.

O documento pon deberes e compromisos a concello e Xunta. Ao organismo autonómico a mellora do transporte metropolitano, non debemos esquecer que o Clínico atende á área sanitaria Santiago Barbanza. Tamén reclama un PTT, Plan de Transporte ao traballo, xa que a maioría das prazas son ocupadas por traballadores do complexo. No capitulo de financiamento a Xunta asumiría o cen por cen do custo do que se faga dentro da parcela e o oitenta por cento do que se faga no PIA.

Pola súa banda o concello facilitará todo o planeamento urbanístico, encargarase das expropiacións dos terreos necesarios e asumirá o vinte por cento do plan de interese autonómico. Tamén aplicará unha bonificación do 95% nos impostos locais relativos ás construcións ou obras que se fagan. Santiago comprometeríase tamén a mellorar o transporte urbano, habilitar prazas de aparcamento provisionais (obras xa en marcha) ou mellorar o acceso ao servizo de taxi para os usuarios do hospital.  

A proposta recolle a oferta da Xunta sobre investimentos no rural. Trátase en todo caso dun acordo que xa se alcanzara entre Alfonso Rueda e Goretti Sanmartín e que entrou no conflito do Clínico tras a reunión presencial.

Cuestión económica

Unha vez superado o escollo das eleccións autonómicas todo se reduce a unha cuestión económica. A xunta quere construír o parking con parte do financiamento por conta do concello. Os investimentos no rural xa están descontados ao ser un compromiso previo pero serven para negociar.

O concello é consciente de que a construción de máis aparcamento implica problemas de tráfico na contorna. Deseñar o urbanismo facilitaría a mobilidade e melloraría unha zona saturada de tráfico e sen urbanizar.

O documento presentado polo concello da a posibilidade dunha negociación sobre puntos concretos e unha cuantificación realista de custos. Queda por saber si a Xunta está disposta a ir máis alá do aparcamento ou o que suceda fora da parcela do SERGAS o considera un problema alleo ás súas necesidades.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies