займ срочно

18 concertos nas Xornadas de Música Contemporánea 2017

0

Compostela, 29 de setembro do 2017 – Baixo a premisa de promover e difundir as últimas tendencias e contribuír á innovación na contorna musical, as Xornadas de Música Contemporánea congregarán un ano máis en Santiago a artistas e formacións referenciais da música de culto e de vangarda.

Do 7 de outubro ao 25 de novembro as Xornadas de Música Contemporánea 2017 ocuparán diversos espazos da cidade como o Auditorio de Galicia, o Paraninfo e a Igrexa da Universidade, o CGAC ou o Teatro Principal cos 18 concertos que se inclúen na programación deste ano.

Co título Música (e outras artes), a presente edición celebra a converxencia entre diferentes disciplinas artísticas e favorece unha contorna de alta creatividade que contribúe enormemente á escena cultural galega e estatal. O estímulo á investigación e experimentación musical e o compromiso coa difusión de novas propostas tradúcese, así, na presentación de 15 obras de estrea absoluta e 5 estreas en España, entre as que se contan numerosas composicións creadas por encargo do CNDM para a ocasión.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director do Centro Nacional de Difusión Musical do INAEM, Antonio Moral, presentaron esta mañá na Casa do Concello o programa das Xornadas de Música Contemporánea 2017. O acto contou con representación das institucións que colaboran na organización do certame, a través das intervencións da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a vicerreitora de Cultura da USC, María Dolores Álvarez; o director do CGAC, Santiago Olmo; e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

Na súa intervención, Branca Novoneyra salientou a aposta pola innovación e a vangarda que comportan as Xornadas 2017 e puxo en valor a o diálogo que establecen entre a música e outras disciplinas artísticas. Ao tempo, agradeceu a colaboración das institucións que fan posible a presente edición, nunha “ampla representación de vontades que converxen nesta aposta consolidada pola música de calidade”. No aplauso á transversalidade e transferencia artística da nova edición e á colaboración inter-institucional tamén se pronunciaron Mª Dolores Álvarez, vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, e Santiago Olmo, director do CGAC.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, enmarcou as Xornadas na intensa actividade cultural coa que Compostela abre cada ano o outono e animou as institucións a seguir traballando por “manter a viveza dunha cidade que ten que ser, como capital do país, centro cultural”. Sanmartín convidou tamén a cidadanía a gozar da música en directo nos heteroxéneos espazos que serven de escenario idónea a cada un dos concertos.

A atención á innovación musical e á exploración doutros ámbitos sonoros centrou a intervención da xerente do Consorcio. Belén Hernández destacou o reto artístico que a Real Filharmonía de Galicia asume na súa participación nas Xornadas e puxo en valor a colaboración da orquestra con outros axentes culturais e sociais da cidade, como o colectivo Pista Catro ou a ONG Tierra de Hombres.

Finalmente, o director do CDNM insistiu no carácter anovador do programa con 15 estreas absolutas en 18 concertos, nos que a música se pon en contextualización con outras disciplinas como a pintura, o cinema, a vídeo arte ou a danza. Antonio Moral referiuse ás Xornadas como unha das apostas máis consolidadas do proxecto de difusión musical do CNDM e aplaudiu a capacidade de co-participación das institucións para levar adiante un certame xa referencial na contorna galega e estatal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies