Compostela, 2 de maio do 2024 – O BNG levará hoxe ao Parlamento de Galicia as demoras en Oncoloxía do Clínico de Santiago e denunciará as deficiencias no cadro de persoal.
A deputada nacionalista Iria Carreira defenderá na Comisión de Sanidade unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno da Xunta a “dimensionar urxentemente e de xeito adecuado” os cadros de persoal de todas as categorías do servizo de Oncoloxía Médica, realizando para iso as contratacións que sexan oportunas.
No mesmo sentido, a iniciativa do BNG reclama unha mellor planificación da actividade asistencial para garantir a calidade da atención que reciben as pacientes, así como o benestar laboral, “evitando atrasos nas consultas e revisións que non atendan a criterios clínicos”.
Carreira acusa ao Goberno da Xunta e á Xerencia do CHUS de ter afondado na precariedade laboral e no deterioro da calidade asistencial, unha situación que no caso de Oncoloxía ten provocado que as revisións dos doentes que antes se facían en tres ou catro meses superen agora os oito meses.
Carreira explica que estas demoras fanse “en contra de calquera criterio clínico ou sanitario. Ademais das obvias consecuencias que pode supor para a súa saúde física pola patoloxía que padecen, isto ten tamén repercusións sobre a saúde mental dos pacientes, pola incerteza e ansiedade de manterse na espera”.
O BNG lembra tamén que hai un ano xa trasladou ao Parlamento a preocupación polas demoras acumuladas nas citas após a decisión da Xerencia de obrigar ás facultativas e facultativos do servizo de Oncoloxía Médica a realizar gardas de Área Médica no Hospital da Barbanza pola falta de profesionais no centro comarcal.
Aos retrasos nas citas, engade, súmanse tamén máis días nas esperas para probas diagnósticas de estadiaxe “que só afondan nese deterioro da asistencia que reciben os e as pacientes”. As carencias no cadro de persoal, afonda Carreira, non se limitan só ao cadro facultativo, senón que afecta tamén a outras categorías profesionais como as de farmacia, enfermaría, TCAEs ou celadoras.