Bisbarra, 16 de maio do 2024 – O concello de Boqueixón acollerá, en Sergude do 27 ao 29 de xuño, Galiforest, a feira forestal máis importante do noroeste peninsular.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, reuniuse por este motivo co director xerente da Feira Internacional de Galicia Abanca, Ricardo Durán, para preparar toda a loxística necesaria. Será a sétima edición de Galiforest Abanca e celebrarase no Pazo de Quián en Sergude.
En palabras de Ovidio Rodeiro “Trátase dun evento que se ten consolidado en Boqueixón como o gran espazo de negocio e o punto de encontro e de referencia do sector forestal na Península Ibérica”. Na reunión tratáronse aspectos de preparación do espazo expositivo, sinalización cara o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, a habilitación de prazas de aparcamento, a coordinación dos distintos equipos de traballo (Protección Civil, Bombeiros, corpos de seguridade…).
Todo para que o monte boqueixonés se converta durante tres días nun punto de encontro excepcional para empresas e profesionais a todos os niveis e para todos os eslabóns da cadea monte-industria.
Na súa edición de 2022 (xa que a feira ten carácter bienal), participaron un total de 371 firmas expositoras de 26 países, que ocuparon unha superficie expositiva de 13.726 metros cadrados, un 16% máis que na edición anterior. Así mesmo, Galiforest 2022 reuniu a 7.161 visitantes profesionais, na súa maior parte procedentes de España e Portugal, pero tamén con representantes de Francia e Italia.