Compostela, 30 de abril do 2024 – A Universidade de Santiago de Compostela, USC, acaba de datar a primeira muiñeira en 1786, hai 238 anos, anotada musicalmente por Melchor López, Mestre de Capela da Catedral.
En realidade a muiñeira ten unha referencia anterior nun texto de Frei Martín Sarmiento do 1745 aínda a de Melchor é a primeira anotada musicalmente. Todos estes datos son froito do traballo de Julio Alonso Monteagudo, autor da tese “Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)”.
Alonso comezou a traballar no aspecto máis humano e social da música da man do antropólogo Marcial Gondar e concluíu a súa tese baixo a dirección da tamén antropóloga Nieves Herrero. Nas súas pescudas confirmou que a evolución política do provincialismo e do rexionalismo, como antecedentes do nacionalismo no século XIX, levou a unha busca de elementos que conformasen a identidade galega e á formación dun canon da música galega que se basea “nunha escolla, na recuperación da música tradicional, folclórica”. É nese momento cando a muiñeira é considerada como un símbolo de Galicia.
O seu antecedente directo era “un baile chamado gaita galega”, que non se interpretaba necesariamente co instrumento do mesmo nome, e que “desde o século XVII circulaba pola Península Ibérica”.
Alonso lembra que no século XVII son coñecidas e interpretadas “pezas populares coma as jácaras, as chaconas ou os canarios” e é a partir desa época cando os bailes cortesáns incorporan bailes populares coma eses, no caso de Galicia as pezas chamadas gaitas, que aparecen nos libros de composicións para guitarra, a cal era “o instrumento máis popular” e que se tocaba “mesmo nas barberías”.
A popularidade da composición denominada galega fai que se incorpore tamén ás pezas teatrais, de xeito que “cando saía o personaxe galego soaba a gaita, interpretada con guitarra” e o público sabía que estaba a ver un personaxe de orixe galega, “frecuentemente un personaxe cómico, que cando sae á escena crea confusión”.
No ámbito relixioso a gaita galega “entra nos vilancicos, un xénero que non era só para o Nadal, tamén para as festas”, aínda que neste caso o carácter cambia “o personaxe galego pasa a ser honesto e honrado, por exemplo un pastor humilde, traballador e esforzado”.
O mencionado Mestre Melchor López actúa de mediador para incorporala a muiñeira á música culta. A partir da publicación da ‘Historia de Galicia’ de José Verea e Aguiar en 1838 xorde “o discurso que consolida a muiñeira como paradigma e referente identitario para Galicia”, apunta Alonso.
Mesmo Manuel Martínez Murguía na súa ‘Historia de Galicia’ publicará as primeiras transcricións con notación musical de música popular galega, que lle enviou o tamén escritor estradense Marcial Valladares Núñez, quen contaba cunha ampla formación musical.