Compostela, 15 de maio do 2024 – O Comité de Centro de AENA do aeroporto Santiago – Rosalía de Castro reuniuse de forma extraordinaria para valorar as consecuencias do peche de Peinador.
O Comité calcula que o peche do aeroporto de Vigo supón o traslado de cerca de 100.000 viaxeiros, e 1200 voos, ao de Santiago. Estas cifras veñen a sumarse ás do mes de abril no que aumento de pasaxeiros , comparada a cifra coa do ano anterior, foi dun 10%.
Estes incrementos segundo os representantes dos traballadores “saca á luz unha problemática que xa estaba presente no Aeroporto de Santiago nos últimos anos, especialmente no 2023, e que pon a proba a capacidade do Aeroporto e ós seus traballadores”.
A todo isto a previsión para este mes de maio é superar as cifras do mes de agosto do 2023, cando a terminal acadou o seu récord de pasaxeiros (402.745 pasaxeiros).
As previsións para 2024, segundo isto, apuntan a que se acadará a capacidade máxima fixada polo Ministerio de Transportes cando se inaugurou a nova terminal no ano 2011 (4 millóns de pasaxeiros).
O Comité destaca ademais que esta situación límite prodúcese cando “o Grupo Aena aumentou notablemente a súa marxe de beneficios: 261 millóns de euros fronte aos 133,6 millóns do ano anterior”.
Demanda de máis persoal
O Comité do aeroporto expón na acta da reunión que todas as dependencias están sufrindo incremento de traballo sen apenas reforzos. Dase a circunstancia de que algunhas de estas dependencias teñen mesmo menos persoal que na antiga terminal.
Poñen como exemplo que “o servizo de enfermería contaba entón con seis efectivos que cubrían o servizo as 24 horas do día, mentres que na actualidade dispón de tan só catro enfermeiros que deixan amplas franxas horarias sen servizo sanitario”.
O Comité tampouco ten constancia de que o resto de servizos alleos a AENA (compañías aéreas, servizo de asistencia a PMR, limpeza, seguridade…) reforzaran o seu persoal.
Os representantes tos traballadores consideran que esta situación “afecta moi negativamente á imaxe e á experiencia que os viaxeiros e usuarios poidan ter no Aeroporto de Santiago, con posibles deficiencias na calidade da limpeza, retrasos nos filtros de seguridade, ou servizos que non están operativos pola noite, como por exemplo as cafeterías”. O Comité remata a acta dicindo que “Consideramos que é necesario aumentar o cadro de persoal do Grupo Aena para adecualo ó aumento de carga de traballo”.