A Estrada, 5 de xuño do 2018 – O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez; e Sergio Álvarez, porteiro do RC Celta de Vigo; compartiron con ao redor de 100 alumnos e alumnas unha xornada de fútbol inclusivo en A Estrada.
O partido de fútbol inclusivo enmárcase no protocolo asinado entre o departamento educativo da Xunta de Galicia e a Fundación do Fútbol Galego para poñer en valor os valores positivos do balompé.
Román Rodríguez felicitou ao alumnado e docentes participantes na xornada por facer do que ocorre a diario nas aulas unha situación normal tamén no caso do fútbol. Neste sentido lembrou que en Galicia preto do 92% dos escolares con necesidades específicas de apoio educativo asiste a centros ordinarios. Deste xeito, actividades como esta estenden esta integración ao recreo e ao tempo de lecer.
O conselleiro quixo ademais agradecer á Fundación do Fútbol Galego (enmarcada na Real Federación) a súa colaboración para avanzar o que é unha das liñas prioritarias de actuación do seu departamento, a inclusión educativa. Así mesmo, salientou a cooperación do Concello de A Estrada para a celebración desta xornada.
Os CEIP Plurilingüe nº1 (Tui), Julio Gurriarán Canalejas (O Barco), de Figueiroa (A Estrada) e Princesa de España (Verín) foron os participantes na xornada de fútbol 7 inclusivo (equipos compostos por alumnas e alumnos sen e con necesidades específicas de apoio educativo). Ademais dos partidiños, ao longo da mañá celebráronse actividades de precisión (lanzamento a portería) e habilidade (circuíto técnico). Ademais, impartiuse un relatorio sobre as boas prácticas no deporte. Todos os escolares recibiron unha medalla como recoñecemento á súa participación.