Bisbarra, 10 de abril do 2024 – O BNG da Estrada levará ao vindeiro pleno municipal unha moción para que o concello reclame ao goberno central melloras na nacional 640.
A moción pide que tamén se demande a variante da estrada e melloras na capa de rodadura. O voceiro do BNG Xoán Reices “nos últimos seis anos contabilizáronse 9 accidentes, dous deles con vítimas mortais. O último accidente produciuse hai só uns días, o pasado 2 de abril, cando unha muller foi arroiada preto do concello e sufriu feridas de diversa consideración”.
Reices engade que “Desde hai anos o BNG vén reclamando medidas de seguranza para atallar este rosario de atropelos, mais até o de agora o Ministerio de Transportes non moveu ficha, por iso impulsamos unha moción para se unha declaración unánime do pleno do concello logra torcer a vontade do goberno estatal”.
O concelleiro nacionalista da Estrada explica que “os datos poñen claramente en evidencia que existe a necesidade de reforzar as medidas de seguranza viaria tanto no núcleo urbano como nas distintas parroquias do municipio; os datos falan por si mesmos e non caben xa escusas ou demoras para dar solución a un problema que causa alarma entre os veciños e veciñas.”
O BNG aposta por diminuír o paso de vehículos polo centro da Estrada coa construción da variante. “con iso reduciriase tamén o perigo que supón o incesante tráfico nesta vía. Con todo, é un proxecto que leva décadas de atraso, con trámites burocráticos que non avanzan, como así o indica o Ministerio en resposta a unha pregunta do deputado Néstor Rego”.
Acordo de investidura
“Como é sabido”, explica Reices, “o BNG da Estrada deu colocado a Variante no acordo de investidura de Pedro Sánchez, que comprometía ao goberno a impulsar a construción desta infraestrutura antes de rematar a lexislatura”.
Por outra parte, con esta moción o BNG da Estrada tamén reclama ao goberno estatal melloras na capa de rodadura da N-640 ao seu paso polo concello “Esta estrada ten unha notábel falta de mantemento por parte do organismo titular desta vía, na que se poden apreciar innumerábeis fochancas ao longo do seu percorrido, así como outro tipo de irregularidades, que fai moi difícil a circulación do tráfico con seguranza e comodidade”.