Compostela, 29 de xuño do 2018 – Promover un estilo de vida saudable a través da actividade física e achegar á cidadanía os espazos naturais e o patrimonio artístico da capital galega son os dous obxectivos de Camiño ao Gaiás, unha serie de andainas comentadas e de balde organizadas pola Cidade da Cultura de Galicia todos os xoves entre o 5 de xullo e o 13 de setembro.
Convertida xa nun clásico do verán compostelán, Camiño ao Gaiás chega por oitavo ano consecutivo coa colaboración da Fundación USC Deportiva para amosar a veciñanza e visitantes unha nova cara da cidade. As persoas participantes poderán descubrir o rico patrimonio monumental e natural de Compostela nunha andaina apta para todos os públicos que, no caso das sesións diúrnas, arranca ás 19:00 horas desde o corazón da zona vella de Santiago: a oficina de Turismo de Santiago, en plena rúa do Vilar.
Tras pasar pola Rúa Nova, a igrexa de Santa María Salomé, a Facultade de Xeografía e Historia e o Mercado de Abastos, a ruta atravesa Virxe da Cerca para adentrarse no Parque de Belvís e desembocar no Sar, admirando a Colexiata e remontando o curso do río polo paseo fluvial. A continuación as persoas participantes visitarán o Bosque de Galicia, subindo ao monte polas sendas naturais deste espazo verde e percorrendo puntos como o miradoiro do alto do monte –onde contemplar unha das vistas menos coñecidas de Santiago– e o Parque do Lago –espazo natural entre os montes Gaiás e Viso que destaca pola súa flora e a súa fauna natural, especialmente paxaros e anfibios–.
Rematar a xornada ao son de ‘Atardecer no Gaiás’
Unha vez na Cidade da Cultura, ademais de visitar o complexo arquitectónico, as persoas que queiran ampliar un pouco máis a xornada terán a oportunidade de gozar de Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos ao aire libre que todos os xoves, venres e sábados de xullo e agosto enche de música o solpor da Praza Central do Gaiás.
Camiño ao Gaiás reedita tamén este ano as andainas en formato nocturno en catro das sesións, 12 e 19 de xullo e 9 e 16 de agosto. A actividade propón así un final saudable aos concertos de Atardecer no Gaiás, rematando a noite cunha camiñada pola fresca desde a Cidade da Cultura ata o centro histórico.
Todas as sesións de Camiño ao Gaiás son de balde, mais é preciso inscribirse previamente en cidadedacultura.gal ou fundacionuscdeportiva.org. A ruta é apta para todas as persoas –aínda que está recomendada a partir dos dez anos de idade–. En caso de ser menor de 18 anos, na inscrición deberá constar o nome da persoa titora acompañante que, á súa vez, terá que inscribirse igualmente na actividade.