Compostela, 29 de abril do 2024 – As queixas constantes sobre o mal servizo na recollida do lixo e da limpeza viaria levou ao concello de Santiago de Compostela a impoñerlle unha sación á concesionaria Urbaser.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, deu conta en rolda de prensa da resolución do procedemento de sanción á empresa adxudicataria do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria do Concello de Santiago, Urbaser, debido a unha serie de incumprimentos no contrato.
A alcaldesa detallou que o pasado 24 de febreiro o Concello abriu o expediente para a imposición de penalizacións a Urbaser por diversos incumprimentos das condicións recollidas no contrato asinado entre ambas partes o 21 de febreiro de 2022 e que entrou en vigor o 23 de maio do mesmo ano.
Entre os incumprimentos detectados nun informe previo á apertura do expediente, Goretti Sanmartín destacou unhas serie de infraccións no relativo a persoal, “como a presenza dun único administrativo, en lugar de dous; ou dun único técnico de produción ata o mes de xullo de 2023, en lugar de dous” e un “déficit de persoal equivalente a 500 xornadas de peóns no servizo dedicado ao varrido manual de xaneiro a decembro de 2023”.
Ademais tamén se identificaron incumprimentos relativos á “obriga de reservar, como mínimo, o 50% das novas contratacións a mulleres” xa que na instrución se constatou que “de 30 persoas só 8 eran mulleres” ou a “falta de medios e maquinaria” concretado no atraso na posta a disposición ou na carencia dalgúns dos vehículos do servizo.
Segundo explicou a alcaldesa tamén se rexistraron “eivas na infraestrutura informática e tecnolóxica” así como “deficiencias na prestación do servizo específico de recollida de voluminosos”.
Ademais Urbaser tampouco chegou a completar a substitución/reposición das 25 illas soterradas/ano comprometidas para o 22 de maio de 2023, provocando un “considerábel atraso acumulado no plan de traballo comprometido, xa que o 31 de decembro pasado unicamente se actuara sobre 23 delas”.
Por todo isto, o expediente conclúe que a empresa é a responsable destas infraccións polo que o Concello imporá penalizacións que suman unha sanción total de 14.020 euros. A maiores, a rexedora detallou que “na facturación mensual estivéronselle a aplicando descontos directos por falta de medios humanos e materiais con respecto ás prestacións contratadas”. En concreto “no ano 2023 deducíronselle 199.420 euros (sen IVE), que representan o 2,40% sobre o prezo de adxudicación, e no 2024 xa van 75.779 euros (0,91%).