Compostela, 14 de maio do 2024 -O concello de Santiago de Compostela conmemora o Día das Letras Galegas con versos de Luísa Villalta, a escritora homenaxeada en este 2024.

Luísa Villalta escribiu “Andei por Santiago pisando estrelas…” un verso que o concello estampa nunha serie de estrelas pegadas no chan da zona vella e ao que incorpora “ e ti?”. Unha campaña que comezou o pasado día 10 e que vai acompañada dunha campaña en redes sociais.
O verso de Luísa Villala e a pregunta do concello convidan a fotografarse e compartir na rede espazos de Compostela. Estes recunchos favoritos dos que participen serven ademais para poñer en valor a figura da poetisa.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, detallou en rolda de prensa esta campaña que forma parte das actividades do Día das Letras Galegas. Unha celebración que o día 16 levará ao Obradoiro á corporación para ler a declaración institucional aprobada con este motivo.
A rexedora recordou que a poeta, ensaísta e narradora Luísa Villalta “mantivo unha vinculación importante coa cidade de Santiago” e por este motivo cace a campaña “Andei por Santiago/pisando estrelas”, en referencia ao verso co que a autora comeza un dos seus poemas “no que fai referencia a diferentes lugares pols que adoitaba pasar ou teñen unha especial significación para ela”.
Goretti Sanmartín convidou á veciñanza a publicar nas redes unha imaxe dun lugar de Compostela onde utilicen os cancelos #AndeiPorSantiago e #PisandoEstrelas, acompañados dunha explicación do lugar escollido”. A alcaldesa tamén anunciou a posta en marcha da nova conta do Concello en Instagram @ConcelloSantiago que se inaugurará con esta campaña. Entre todas as persoas que participen sortearanse 10 lotes de material cultural.
Actividades
Ademais da lectura da declaración institucional, o xoves ás 11 da mañá, farase unha lectura pública a cargo das escritoras Marga Romero e Esperanza Mariño que lerán unha escolma da obra poética de Luísa Villalta.
O Concello tamén ofrecerá ao longo de maio varios paseos guiados sobre Compostela e as orixes da lingua con 12 paradas “que permitirán descubrir como naceu o galego e aspectos relevantes en canto ao léxico, á pronuncia, ao status social e a diversidade do desenvolvemento do idioma”. As persoas interesadas poderán anotarse está na web do Departamento de Lingua: delingua.santiagodecompostela.gal.
O Teatro Principal acollerá o 16 e 17 de maio ás 20.30 horas, o espectáculo “Made in Galiza”, a cargo de Sarabela Teatro sobre o texto de Séchu Sende. A obra está dirixida por Fina Calleja e o elenco está conformado por Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto. “Trátase dunha reflexión sociolingüística en clave de humor que dará pé ao debate ao remate da función prevista para o 16 de maio”, engadiu a rexedora.
O Teatro Principal tamén acolle o evento “Ritos de resistencia”, un recital multidisciplinar con poesía, música e imaxe que ten como eixo central os poemas de Luísa Villalta, no que Participarán a poeta e comunicadora Eva Veiga, ao tempo que os músicos Bernardo Martínez (percusión e xoguetes musicais) e Fito Ares (frauta e saxo soprano) interactúan de forma instantánea coa palabra a través dos instrumentos se proxectan imaxes realizadas do artista Alfonso Costa. Esta función será o sábado 18 de maio ás 20:30 horas e pódense retirar os convites na Zona C, en compostelacultura.gal e na billeteira do Teatro Principal.
Centros Socioculturais
Os Centros Socioculturais de Santiago tamén se suman á celebración do Día das Letras Galegas co obradoiro de creación literaria “Escribirmos na compaña de Luísa Villalta”, que será impartido por Marga do Val e con sesións a cargo de Cristal Méndez Queizán e de Miro Villar. Trátase dunha iniciativa da Escola de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) que conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Santiago. Estes obradoiros impartiranse os sábados 20 de abril; 4, 11 e 25 de maio; e 1, 8, 15 e 22 de xuño de 2024, de 10:30 a 13:00 h.