Vedra, 14 de xaneiro do 2020 – O concello de Vedra e a Asociación Amigos da Camelia do Val do Ulla abren as inscricións en dúas probas deportivas vinculadas as vixésimo quintas Xornadas Arredor da Camelia e a recepción de traballos no XX Concurso de Pintura Infantil.
O domingo 2 de febreiro celebraranse a BTT, cun novo percorrido, e a sexta edición do Maratón de Montaña A Camelia que ten como probas menores unha subida vertical, un Trail e unha andaina. Os traballos do Concurso de Pintura exporanse o 23 de febreiro na xornada na que se tamén se realizar a entrega de premios.
BTT
A proba BTT ten percorrido novo que estará sinalizado e con indicacións por GPS. A ruta máis longa serán 52 kilómetros e a curta 27, tendo a saída prevista para as nove e media da mañá desde o velódromo de Vedra.
As inscricións están abertas ata o día 28 de xaneiro, as 23:59 horas, na páxina correspondente de Galitiming, enlace: https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/x-ruta-cicloturistica-en-btt-da-camelia-polo-val-do-ulla/?lang=es
Maratón de Montaña
Na mesma xornada, 2 de febreiro, disputarase a sexta edición do Maratón de Montaña “A Camelia”, unha fermosa proba que pon a proba a forma física dos participantes.
Os afeccionados poden anotarse ata en catro modalidades distintas. A subida vertical é un percorrido de 2,7 kilómetros cun desnivel positivo de 340 metros. A continuación, por distancia, están o Trail e a Andaina con 13 kilómetros e un desnivel positivo similar. A proba reina, o Maratón da Camelia, son 44 kilómetros, que chegan aos 1.900 metros de desnivel, percorrendo as montañas e lugares máis fermosos do concello.
En este caso a inscrición remata o luns 27 de xaneiro, as 23:59 horas, e a inscrición está na correspondente páxina de Galitiming, enlace: https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/vi-maraton-por-montana-a-camelia-2020/
Concurso de Pintura Infantil
Ademais das probas deportivas celebrarase tamén o vixésimo concurso de Pintura Infantil da Camelia para nenos de tres a doce anos.
Os participantes divídense en tres categorías segundo a idade. Cada un pode presentar unha única obra inspirada na Camelia nun tamaño A4, en cartolina ríxida ou similar e técnica libre.
Na parte traseira dos traballos figurará o nome do autor, número de teléfono, enderezo, idade e centro escolar ao que pertence.
O xurado estará formado por membros da Asociación de Amigos da Camelia e persoas destacadas do mundo das artes. Os traballos deberanse enviar, antes do 14 de febreiro, ao concello de Vedra. O resto das bases pódense atopar no seguinte enlace
https://www.concellodevedra.es/ficheiros/bases_concurso_pintura_2020.jpg