Bisbarra, 18 de setembro do 2023 – O movemento Galeusca naceu hai cen anos en Barcelona coa sinatura dun acordo entre forzas do País Vasco, Cataluña e Galicia. Buscaban opoñerse ao centralismo estatal e facer valer os seus dereitos.
A Asociación Cultural “Vagalumes” organizará un acto o vindeiro venres as oito da tarde no Mome (A Estrada) para dar a coñecer a historia desta relación de irmandade entre os tres pobos. No acto participa un dos máximos especialistas na materia, o profesor Xosé Estévez, que presentará o seu libro “GALEUSCA, la periferia contra el páramo”.
O movemento Galeuzca, integrado polas tres nacións periféricas do Estado español, partiu da perentoria necesidade de articular un bloque trinacional unitario e solidario, fronte ao tradicional e férreo centralismo do Estado.
Pode definirse como a procura constante, concretada en pactos ciclicamente selados, dun acordo vasco-galaico-catalán para conseguir cotas crecentes de autogoberno, que transitaban desde a autonomía integral para uns, pasaban polo federalismo e/o confederalismo para outros, incidían na soberanía ansiada e finiquitaban na independencia para algúns.
Ata 1923 as relacións reducíronse a contactos esporádicos, puntuais e bilaterais entre rexionalistas e/ou nacionalistas cataláns e galegos ou cataláns e vascos, con momentos álxidos en 1905, 1907 e 1917-18. Na Estrada, precisamente, deuse un deses primeiros encontros cunha carga política evidente con motivo das eleccións xerais na que se presentaba unha candidatura da Irmandade da Fala con Antón Losada Diéguez.
No mitin do 7 de febreiro de 1918, na Estrada interviñeron membros da Lliga de Cambó, como é o caso de Pedro Rahola e Ferrer y Vidal. Dous persoeiros aos que acusaron de subordinar os intereses galegos aos de Cataluña. Cando Carlos Pardo das Irmandades da Estrada presentou en galego os intervenientes, comezaron a asubiarlle e berrarlle “carlitos en castellano”. Interveu o catalán Ferrer y Vidal dicindo: “Falo castelán porque non son galego, se fose galego, en galego vos falaría”.
Xesús R. Culebras, das Irmandades, di na súa intervención: “Estráñame que haxa miserábeis que censuren o emprego do idioma que falaron os nosos avós e que herdamos dos nosos pais”. Na súa intervención, di Porteiro: “Os rexionalistas non odiamos o castelán, non; temos amor á terra galega e aborrecemento para quen a aldraxa. Falo en galego porque nacín na Galiza, en Lugo, e estou na Estrada que pertence a Pontevedra, provincia de Galiza e antes hoxe xa non, provincia de Riestra”.
Desde a Asociación Cultural “Vagalumes” convidan á veciñanza a asistir a este acto para saber máis da historia e das posibilidades dun futuro mellor para a Terra.