Compostela, 29 de maio do 2019 – Desde esta tarde poderase ver no Museo do Pobo Galego a mostra ”Galicia máxica. Romarías e santuarios”, unha recopilación de fotografías etnográficas do danés Gustav Henningsen realizadas entre 1965 e 1968.
Gustav Henningsen, doutor en antropoloxía, chegou a Galicia no ano 1965 cunha bolsa da Universidade de Copenhague, co fin de investigar para a súa tese doutoral, crenzas e tradicións vinculadas á historiografía da bruxería. Durante tres anos, xunto a súa muller Marisa, percorreu pobos e aldeas, achegándose a todo tipo de ritos e prácticas ancestrais, que recompilou nunha valiosa documentación fotográfica e oral, recollida coa axuda dunha cámara e un básico magnetófono.
Continuación da mostra de hai 4 anos
No ano 2015, o Museo do Pobo Galego dedicou unha mostra e unha documentada publicación a este acreditado folclorista danés, con imaxes realizadas na comarca de Ordes, e tituladas Galicia máxica: reportaxe dun mundo desaparecido. Fotografías etnográficas 1965-1968.
Esta nova cita, dando continuidade á anterior, está encabezada polo epígrafe Galicia Máxica, e aplícase a amosar en máis de oitenta fotografías os santuarios e romarías galegos máis significativos. No inventario fotográfico de Henningsen, contémplanse os dous ámbitos que motivan as romarías como espazo para o sacro e o profano. Os dominios milagreiros coas procesións, as propiedades sanadoras, as ofrendas e exvotos, as poxas na Lanzada… acábanse por entrecruzarse cos festexos ao aire libre, as reunións e animadas celebracións festivas.
Horarios
A mostra pódese ver ata o domingo 22 de setembro co seguinte Horario: de martes a sábado, 10:30-14:00 e 16:00-19:30
domingos e festivos, 11:00-14:00