займ срочно

Touro estreou ruta de sendeirismo desde a Fervenza das Hortas

0

Touro, 9 de decembro do 2017 – O concello de Touro estreou unha nova ruta de sendeirismo, paralela ao Ulla, desde a Fervenza das Hortas ata a desembocadura do Lañas.

Fervenza Santa Marta, imaxe de Manuel Amador Sánchez

Co novo roteiro que parte da Fervenza completa con sendeiros os 50 quilómetros do Concello bañados por este río. Touro rehabilitou e acondicionou a senda con apoio do GDR Ulla-Tambre-Mandeo a agora tramita a súa homologación.

Os roteiros de Touro discorren pola fronteira da provincias de Coruña e Pontevedra baixo o nome xenérico de Unindo Camiños polo Ulla. Son 50 kilómetros de sendas homologadas que se completan coa que parte da Fervenza da Horta ata a desembocadura do Lañas.

 O acondicionamento para a práctica do sendeirismo en plena natureza foi posible grazas á iniciativa non produtiva liderada polo Concello de Touro e que contou cun investimento total de 42.000 euros. A axuda, que procede dos fondos Feder e de Agader, representan o 90% do investimento. Este apoio ronda os 38.000 euros.

Os traballos desenvolvéronse durante as últimas semanas. Primeiro elaborouse un estudio de definición de sendeiro e tamén un plan de xestión de residuos xerados. Posteriormente procedeuse á limpeza e desbroce da ruta mediante medios mecánicos e manuais. Tamén se construíron pasos e barandillas de madeira e pasarelas en zonas baixas. A nova ruta conta con sinalización: marcaxe con sinais de pintura para a orientación, balizas de madeira e paneis informativos para dar a coñecer as riquezas da ruta. Xa se pode facer uso do novo traxecto sen medo a perderse.

Agora, unha vez rematados os traballos, a ruta vai ser rexistrada e homologada. Os trámites xa están en marcha na Federación Galega de Montañismo. A inicios de ano, según previsión do Concello, xa contará coa homologación.

Cor na Remesquide, imaxe de José López Pérez

O Concello de Touro asegura que este roteiro conta cun “gran valor patrimonial-medioambiental”. Destaca que comenza moi próxima á Fervenza das Hortas, que no seu traxecto está a fervenza de Rosende, que cae directamente ao Ulla; e remata na desembocadura do Lañas tamén no propio Ulla. Conta tamén con outros elementos de interés no seu percorrido como o pazo de Rosende, diversos muíños, a Pena Furada, a Pena Grande de Lourido e a Pena das Letras. A ruta ten unha lonxitude de uns 14 quilómetros.

O Concello de Touro avanza no obxectivo de unir cunha gran ruta de sendeirismo toda a súa beira do Ulla. Este tramo e o único que lle falta. E permite a unión coas rutas xa homologadas PRG 93 Ruta da Ribeira do Ulla, que percorre as parroquias de Novefontes, Fao e Ribeira; e co tramo que vai en paralelo ao Ulla da PGR 121 Ruta dos Tres Ríos.

Por outra banda, Touro tamén conta cunha ruta aínda non homologada De Ponte a Ponte, que vai en Rede Natura e que une Ponte Remesquide con Ponte Ledesma, xa no Concello de Boqueixón. “Coa posta en valor da nova ruta que apoia o GDR conseguimos o obxectivo de unir a nosa ribeira do Ulla, dende o límite co Concello de Arzúa ata o límite con Concello de Boqueixón”, destacan dende o Concello de Touro, que apunta a relevancia medio ambiental de toda esta gran ruta que percorre arredor de 50 quilómetros.

O Concello de Touro avanza así, na parte que lle corresponde, no obxectivo de que o Ulla conte cunha gran ruta de sendeirismo continua que vaia dende o seu nacemento ata a desembocadura no Atlántico. Os 20 concellos bañados polo río Ulla (Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Agolada, Santiso, Arzúa, Vila de Cruces, Touro, Silleda, Boqueixón, Vedra, A Estrada, Teo, Padrón, Pontecesures, Valga, Dodro, Catoira,  Rianxo e Vilagarcía de Arousa) tratan de poñer as bases para traballar no deseño desa gran ruta de sendeirismo continua pola beira do río que serviría como buque insignia de promoción desta zona que acolle a eses 20 concellos e que afecta a tres provincias galegas (A Coruña, Lugo e Pontevedra).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies