Bisbarra, 6 de ,arzo do 2024 – A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, mantivo un encontro coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para abordar distintas melloras en materia de infraestruturas.

Un dos proecto máis relevantes para Teo será a mellora na intersección da AC-241 coa AC-841 en Pontevea. Trátase dunha rotonda que estará en funcionamento de xeito transitorio mentres remata o primeiro tramo da autovía á Estrada e non entra en servizo o segundo.
A rotonda estará semaforizada, de modo que se regule de forma adecuada o tráfico e o cruce dos peóns. Tamén se adaptarán as beirarrúas e recolocarase a zona de carga e descarga. A dita rotonda porase en servizo antes da posta en funcionamento do primeiro tramo da autovía.
A intención é que o tráfico circule nas maiores condicións de seguridade en todo momento e minimizaranse os embotellamentos que poida haber na zona. A alcaldesa de Teo agradeceu a implicación da conselleira nas tarefas de execución da AG-59, unha vía fundamental para as conexións coa capital galega e co concello veciño da Estrada. “Estamos nunha posición estratéxica e toda mellora de infraestruturas repercutirá de xeito positivo no desenvolvemento da economía local e no propio benestar da veciñanza”, matizou a rexedora municipal.

Melloras nos falsos túneles da autovía
Os episodios meteorolóxicos adversos que tiveron lugar nos últimos invernos agravaron o estado do valado que da protección perimetral ás áreas de xogos de Teo localizadas sobre os dous falsos túneles da AG-59, que xa dende hai tempo presentaba un alto grado de desgaste.
Outra das melloras previstas en Teo consistirá en desmontar e substituír o valado existente por outro igual nos seis tramos perpendiculares á dirección do eixo da autovía AG-59. Ademais, tamén se vai rehabilitar o valado existente na ponte peonil central que comunica as dúas áreas de xogos. Refórzase a seguridade nesas áreas e conséguese que a veciñanza en xeral e a cativada en particular poida desfrutar das áreas de xogo con todas as garantías.