Bisbarra, 25 de abril do 2024 – O Partido Popular de Ames levará ao vindeiro pleno municipal unha moción pedindo que o concello axude á veciñanza a realizar os trámites para legalizar os galiñeiros.
Non é a primeira vez que este asunto chega ao pleno de Ames. Xa en marzo o Partido Popular presentou unha moción para eliminar a norma que obriga á legalización dos galiñeiros pero “o PSOE, co seu alcalde Blas García ó fronte, rexeitouna alegando incluso que o trámite para levar a cabo a legalización dos galiñeiros era moi sinxelo”.
Os populares lembran que esta cuestión chegou mesmo ao Parlamento Galego, no que aprobouse unha iniciativa para instar á Xunta a pedir ao goberno central que elimine a norma. En esa votación Psoe e BNG abstivéronse.
O PP de Ames incide en isto xa que di de Blas García que “a súa postura nin sequera coincide coa do seu partido xa que mentres os socialistas se absteñen no Parlamento sobre a supresión desta norma, o alcalde de Ames votou en contra da proposta do PP no pleno municipal”.
O PP pedirá no próximo pleno que, en canto esta normativa non se suprima, os afectados poidan realizar os trámites no propio concello, habilitando persoal municipal para axudar aos que precisan legalizar os seus galiñeiros “xa que son moitos os veciños maiores que mostraron a súa preocupación sen recibir resposta por parte do goberno municipal”.