займ срочно

Teo inicia unha campaña turística convidando a “REDEScubrir” o concello

0

Bisbarra, 12 de febreiro do 2024 – REDEscubre Teo e o nome da campaña de promoción turística que ven de poñer en marcha o concello de Teo, a primeira planificada e orzamentada para todo o ano.

Esta programación turística, deseñada pola Área de Turismo en coordinación con Cultura, ten como principal obxectivo crear un amplo abano de ofertas que convidan á veciñanza a participar descubrindo de novo o concello de Teo.

Ao mesmo tempo Teo presenta unha ampla oferta turística e cultural pensada para os visitantes alleos ao concello. O programa ofrece máis de 40 experiencias turísticas sostibles, organizadas en catro campañas coincidentes con cada unha das estacións do ano, de xeito que se vivan as actividades dunha maneira diferente no inverno, primavera, verán e outono.

Cada tempada estará presidida por un evento singular, como os faladoiros, que servirán de punto de partida e permitirán afondar nos tesouros de Teo con maior atractivo. Nestas veladas convidarase a falar a persoas da comunidade local e a expertos foráneos que facilitarán novas claves e aspectos para interpretar o patrimonio cultural local.

Un programa que constitúe tamén unha oportunidade para render homenaxe á veciñanza implicada neste eido xunto ao importante tecido asociativo local. Entre elas, cabe destacar os faladoiros sobre as beiras do Ulla e o Entroido dos Xenerais da Ulla.

Teo propón tamén os itinerarios culturais xacobeos para poñer en valor ao concello como municipio integrante do Camiño Portugués. Tamén cómpre sinalar as rutas por vías culturais, tales como o Camiño da Geira e dos Arrieros, Per Caminho de Lampai e a Ruta histórica da Batalla de Cacheiras.

Por outra banda o concello inclúe en esta programación actividades encamiñadas á interpretación da arte rupestre e do románico teense, así como a tradicional Feira Cabalar do San Martiño de Francos, o evento cultural, económico, social e histórico máis relevante de Teo e candidata a ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. 

No apartado cultural “Como sentir Teo” ofertaranse rutas interpretadas da arte rupestre e da astronomía cultural, rutas teatralizadas históricas e de vías culturais, ARTEterapia, obradoiros creativos en diferentes temáticas tales como Rosalía de Castro, Xenerais da Ulla, arte rupestre, románico, cruceiros e sobre a feira do San Martiño de Francos.

No apartado da natureza “Que agocha Teo”, ofertaranse rutas de sendeirismo con dinámicas de baños de natureza, baños de bosques, benestar, tradición, recollida de plantas e mindfulness, meditación, xeorrutas na procura das árbores senlleiras, experiencias starlight ou mar de estrelas. Así como actividades deportivas como rafting e/ou descensos no Ulla.

Por último, no apartado de gastronomía, “A que sabe Teo”, promoveranse actuacións en sintonía cos establecementos de restauración locais que queiran adherirse a este programa, deseñando xornadas culinarias baseadas na gastronomía do Entroido, a lamprea do Ulla, menú Goza do Ulla,  xornadas micolóxicas, outras vinculadas a enoturismo (catas, maridaxes, harmonía de sabores), cociña Km 0 (slow food), sabores da Terra e, por último, obradoiros de doces de Nadal.

Cada unha das actividades programadas contará co seu correspondente cartel e promocionarase na páxina web do Concello e nas redes sociais municipais. Desta forma, os interesados poderán inscribirse con tempo nas actividades e poder desfrutar así dun calendario pensado para a xente en xeral e a veciñanza de Teo en particular.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies