Teo, 28 de novembro do 2018 – Ignacio Iglesias, concelleiro de Benestar, recolleu en Oviedo o recoñecemento outorgado ao Concello de Teo por parte de Unicef como Cidade Amiga da Infancia.
No acto estivo acompañado da técnica do departamento, Eva López. A distinción como Cidade Amiga da Infancia recoñece o traballo realizado polo Concello e centralizado na área de Benestar coa mocidade e a infancia do municipio. Para conceder este selo Unicef valora que a estratexia de traballo das entidades recoñecidas valore, respecte e trate a cada neno e nena xustamente dentro da súa comunidade. Tamén que as normativas e políticas públicas, máis os seus orzamentos, escoiten e consideren as voces, necesidades e prioridades de cada neno e nena. Do mesmo xeito, recoñece que todos os nenos e nenas teñen acceso a servizos esenciais de calidade, viven en contornas limpas e seguras e teñen a oportunidade de gozar da vida familiar, o xogo e o ocio.
Durante o último ano e medio, Benestar realizou un labor de análise das demandas e necesidades da infancia e a mocidade para despois traballar da súa man e desenvolver diversos proxectos de interese. Neste sentido, desde comezos de 2018 Teo conta co Consello Local da Infancia e a Adolescencia (CLIA), no que participan nenos e nenas dos colexios de Primaria e do IES.
O CLIA coa nova composición reuniuse o pasado sábado 24 de novembro para seguir traballando tendo como elemento central o interese da infancia e adolescencia de Teo e facéndoo precisamente traballando con elas e eles.