Bisbarra, 12 de abril do 2024 – Teo acollerá en maio a celebración da Copa de España de Billar, onde se levará a cabo a IV Proba en Categoría Júnior e a V Proba en Categoría Absoluta.
O torneo nacional está organizado polo Club Billar Teo e a Federación Galega de Billar, baixo os auspicios da Real Federación Española de Billar. Celebrarase os días 3, 4 e 5 de maio no Hotel Los Tilos.
Na presentación deste certame participaron a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, e o concelleiro de Deportes e Xuventude, Gelucho Gómez. Poderán participar neste certame, que está incluído dentro do Circuito Nacional de Pool Bola 9, todos os xogadores españois e estranxeiros, cun ano mínimo de residencia no noso país, e que teñan licenza federativa en vigor.
No caso da proba en categoría júnior, os participantes non poderán ter cumpridos os 19 anos durante a tempada deportiva en curso (do 1 de setembro ao 31 de agosto). Os interesados teñen ata o vindeiro 19 de abril ás 12.00 horas para inscribirse no torneo. Unha cita deportiva de gran interese e calado no panorama deportivo e que conta con apoio por parte do Concello de Teo.