займ срочно

Teo proporá o nomeamento de Manuel Quintana Martelo, Paula Carballeira e Víctor Manuel Portomeñe como fillos adoptivos

0

Bisbarra, 22 de marzo do 2024 – A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, mantivo esta un encontro con Manuel Quintana Martelo, Paula Carballeira e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe para comunicarlles que no vindeiro Pleno se proporá o seu nomeamento como fillos e filla adoptivos do Concello de Teo.

Neste senso, a rexedora municipal puxo en valor o traballo recollido por todos eles, centrándose na súa achega pública e a súa contribución á sociedade, “un fito que merece as distincións de fillos e filla adoptivos de Teo para que sexan lembrados polas xeracións presentes e futuras”.

Durante a xuntanza, Calvo de la Uz aproveitou para agradecer en nome do Concello a súa achega ao mundo das belas artes, da literatura e do turismo. Unha contribución que pon en valor o nome de Galicia e, por conseguinte, de Teo. “Para nós é un pracer poder contar con veciños ilustres coma vós, que achegan unha singularidade adicional ao noso municipio”, engadiu a rexedora. 

Un nomeamento que, ademais, vén fundamentado no disposto no Regulamento de condecoracións do propio Concello de Teo (publicado no Boletín Oficial da Provincia núm. 274 do 28.11.1998), en consonancia cos artigos 190 e 191 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais (ROF).

Persoas ilustres

O artista Manuel Quintana Martelo ostenta actualmente a presidencia da Real Academia Galega de Belas Artes, en onde, baixo o seu mandato, puxo en marcha o “Día das Artes de Galicia”, conseguindo levar a arte galega -por primeira vez- ao Museo do Prado de Madrid.

A escritora Paula Carballeira foi gañadora ata en tres ocasións do premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil: en 2006 por Boas Noites, en 2011 por O refugallo e en 2018 por Somos os monstros. Ademais, o pasado ano foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática que concede o Ministerio de Cultura y Deporte pola súa obra As alumnas.

Por último, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe puxo en funcionamento o Centro Superior Bibliográfico de Galicia, impulsando a rede de infraestruturas culturais a través da creación de casas de cultura nos municipios de Galicia. Así mesmo, sendo conselleiro de Educación con Xerardo Fernández Albor, canalizou a asunción de competencias de xestión do sistema educativo e da ordenación universitaria, conseguindo a plena escolarización en Galicia. En 2010 recibiu a Medalla de Ouro de Galicia polos seus traballos a prol do turismo e da promoción do Ano Santo Xacobeo en Santiago de Compostela.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies