Bisbarra, 3 de marzo do 2023 – O lixo, e a súa municipalización, asomou de novo no pleno de Teo e polo visto é un proxecto que avanza grazas as negociacións de Son de Teo e o Partido Popular.

Unha pregunta da voceira socialista Uxía Lemus desvelaba que o alcalde, Rafa Sisto, entregara á oposición un informe externo sobre a municipalización. Sisto recoñecía na súa resposta as negociacións co Partido Popular sobre ese tema e acusaba ao Psoe de non querer negociar.
O grupo socialista emitía ao día seguinte unha nota de prensa na que acusaba ao grupo de goberno de negociar ás costas da oposición. Uxía Lemus explica que “Rafa Sisto lembrará que prometeu unha comisión na que participarían todos os grupos e os técnicos e funcionarios que fosen precisos, nunca a chegou a convocar, dedicouse a negociar co PP e agora quere vender que somos os socialistas os que non quixemos participar”.
O Psoe engade que polo momento o aprobado en pleno supón “unha suba de taxas e un préstamo bancario dun millón de euros” e lembra que esa aprobación “foi posible grazas a abstención do Partido Popular”.
O grupo socialista esixe do goberno municipal que cumpra o prometido “non é un tema como para andar as agachadas negociando, nin encargando informes a medida; a municipalización do lixo require ser discutida con todos os grupos e con informes internos e externos. Unha comisión na que PP e Son de Teo expliquen cando e que negociaron”, di Lemus.
Din ademais que “os socialistas sempre defenden que o diálogo é a solución dos problemas, pero o dialogo con todas as partes implicadas nos asuntos e no caso do lixo ademais de quedar fora BNG e Psoe, e evidente que tampouco se contou coa veciñanza”.