Bisbarra, 25 de abril do 2024 – Ao mediodía de onte mércores o alumnado do Instituto de Educación Secundaria de Arzúa foron evacuados por risco de incendio.
Segundo informan desde o Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento, unha avaría nos equipos informáticos foi a causante do desaloxo do IES. Os bombeiros do parque Comarcal Provincial de Arzúa foron alertados ás 13:50 horas dunha avaría nun dispositivo informático que provocou a evacuación do alumnado dunha aula de informática debido ao risco de incendio.
Na chegada ao lugar, os estudantes xa estaban fóra da aula e os bombeiros identificaron o problema nunha CPU que estaba a emitir fume. Segundo informou o profesorado, tanto ese equipo como outros dispositivos doutras aulas emitiron chispas, polo que os bombeiros desconectáronos da rede eléctrica e extraeron a CPU que emitía fume para proceder a ventilar a estancia e a cortar a luz ata que a instalación fose revisada por un profesional.
Completou o operativo a Policía Local de Arzúa.