займ срочно

Teo aproba os orzamentos co voto en contra da oposición

0

Bisbarra, 1 de febreiro do 2024 – O goberno municipal de Teo aprobou en pleno, de xeito inicial, os orzamentos para o presente ano co voto en contra de toda a oposición.

A maior parte do debate centrouse nas explicacións sobre redución de gasto por parte da alcaldesa e as críticas a distintas partidas por parte do resto dos grupos- O orzamento contou finalmente cos 9 votos favorables do PP e os 8 en contra de PXTC, BNG e Psoe.

O orzamento aprobado alcanza os 18.186.251 euros. O concello de Teo levaba dous anos cuns orzamentos prorrogados polo que a súa aprobación supón un cambio que terase que ver de que xeito práctico afecta. Desde o equipo de goberno defínense como pensados para adaptarse á situación real do concello.

O goberno municipal explica nunha nota de prensa que se aposta polo acondicionamento das infraestruturas de titularidade municipal en moi mal estado. Do orzamento total máis de 1,5 millóns de euros destínanse aos investimentos en infraestruturas.

O novo goberno centrarase na mellora de estradas e vías públicas, que inclúe achegas municipais aos plans POS, POS Plus e Fondos Next Generation da Unión Europea. Destacan ademais actuacións para a ampliación e modernización da rede de sumidoiros, e outras obras de infraestruturas básicas co obxectivo de contrarrestar as diferenzas entre a zona urbana e a  rural.

Impostos

As previsións económicas anuais contemplan a conxelación de todos os impostos de titularidade municipal, co fin de que estes “non se convertan nunha carga máis para a veciñanza e aliviar, dese xeito, os petos dos teenses”.

Conciliación e acción social

As novas contas inclúen ademais melloras en materia de conciliación e acción social. Habilitaranse máis prazas e máis actividades, tanto para os maiores, como para os máis pequenos. Nese senso, xa se están a executar arranxos nas tres escolas infantís municipais, para mellorar a calidade do servizo e para que todos os nenos e as nenas de Teo dispoñan dunha praza nelas.

No tocante á conciliación, o Goberno local aposta nos seus orzamentos por reforzar os programas para conxugar a vida familiar e laboral nas épocas non lectivas. Nesa liña, nos últimos programas de Nadal e de verán xa foron aceptadas todas as solicitudes presentadas, co fin de facilitarlle ás familias a súa organización neses períodos de vacacións escolares. O obxectivo é que ninguén quede fóra desas actividades, sempre e cando reúna os requisitos propios de cada unha das convocatorias.

En canto ao Servizo de Atención Temperá, que actualmente conta cun psicólogo, unha terapeuta ocupacional e dúas logopedas, contémplase a necesidade de ampliar as prazas ofertadas, que actualmente se sitúan no contorno das corenta. Para tal fin, reforzarase o dito servizo, que permite atender ás nenas e nenos de entre 0 e 6 anos que presentan algunha dificultade no seu desenvolvemento, particularmente na área da linguaxe e da comunicación, na que se estaba a concentrar a maior demanda.

Por último, vaise dotar o Fondo de Acción Social “xa que o anterior Goberno só consignara orzamento para os funcionarios e laborais, e non para os traballadores subrogados, malia a existencia dun acordo plenario para levalo a cabo”. Tamén, reordenarase o persoal municipal a través dunha Relación de Postos de Traballo (RPT), tanto para funcionarios, como para persoal laboral, proxectando un Plan de Riscos Laborais, tamén inexistente ata o de agora, “a pesar de que é obrigatorio por Lei”.

Tamén se reforzará a policía municipal que pasará de 9 a 11 prazas co fin de aumentar a seguridade do municipio.

Tecido empresarial, turístico e patrimonial

Para este 2024, os orzamentos municipais prevén accións de apoio ás empresas e ao comercio local, co fin de promover e impulsar a súa actividade, reforzando ao mesmo tempo o consumo dos produtos de proximidade.

Así mesmo, intensificaranse as actuacións para a promoción turística e a posta en valor do patrimonio cultural do municipio. Este mes presentarase unha ampla  axenda de actividades “que permitirá á veciñanza desfrutar en Teo, sen que supoñan un maior gasto para as arcas públicas do Consistorio”.

O Goberno local aposta tamén pola restauración e conservación do seu rico patrimonio etnográfico. Así, seguirase revisando a rede de cruceiros que existe no municipio -entre outras infraestruturas-, poñendo en valor para os veciños e os visitantes do concello a súa importancia e singularidade. Nesa liña, a finais de 2023 xa se procedera ao arranxo do cruceiro de Ameneiro e, en breve, procederase á rehabilitación do Peto de Ánimas, en Cacheiras.

Redución da débeda e da morosidade

O goberno municipal de Teo explica que unha das intencións de este orzamento é reducir a débeda do concello que alcanza os 3.1 millóns de euros. Ao mesmo tempo tamén tratarase de reducir a morosidade.

Poñen como exemplo a rebaixa do “pago innecesario de alugamentos, racionalizando o parque de vehículos e eliminando rentings e gastos fixos desmesurados”.

Pleno íntegro en Youtube

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies