Bisbarra, 15 de febreiro do 2024 – A alcaldesa do Concello de Teo, Lucía Calvo, reuniuse co secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía (SUP), Roberto González Rodríguez, e o secretario provincial da Coruña, Abel Lobato Buján, para iniciar os trámites de solicitude dunha Unidade de Documentación no municipio.
Alcaldesa e representantes están de acordo en que o Concello de Teo debe contar cunha oficina propia, co fin de facilitarlle á veciñanza a realización de xestións varias, xa que polo de agora teñen que desprazarse a outras poboacións veciñas onde contan con Comisaría de Policía.
Lucía Calvo destacou que “mellóranse os servizos para a cidadanía aquí en Teo, como pode ser algo tan importante como a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI)”.
Estas unidades de documentación creáronse en diferentes poboacións que, por ser situacións estratéxicas, xustifican a súa instalación. O municipio de Teo é un enclave destacable, pois daría cobertura á súa propia veciñanza e á contorna de forma máis eficiente e sen contar con esperas tan importantes como noutros municipios que se ven sobrecargados.
Estas unidades teñen competencias en materia de expedición de documentación de residentes nacionais (DNI, pasaportes e actualización dos certificados do DNIe), así como os relacionados con tarxetas de identificación de estranxeiros. Polo tanto, prestarían un servizo moi importante para o municipio. Tras unha xuntanza definida polos participantes como “moi produtiva”, o Concello de Teo iniciará de forma inmediata as xestións necesarias ante o Ministerio do Interior para solicitar a dita unidade, ao mesmo tempo que o SUP tamén levará a cabo trámites neste mesmo senso.