Bisbarra, 27 de marzo do 2024 – A ampliación e mellora da variante de Cacheiras en Teo, que acometerá a Deputación, podería ser adxudicada no vindeiro mes.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo mantiveron un encontro durante o que ambos analizaron o proxecto que se atopa no último tramo do proceso de licitación.
Tal como explicou o presidente, a construción de esta variante vai evitar o paso da maior parte do tráfico polo núcleo da Igrexa, unha zona onde a vía actual é estreita e perigosa, e “mellorar significativamente a seguridade viaria nunha zona na que era moi necesario”.
A ampliación e mellora da DP-8202 conta cun importe de licitación de 561.215,62 euros e un prazo de execución é de 8 meses. As obras de Teo consistirán na creación dunha nova plataforma para a variante e na mellora da actual onde o trazado coincide co actual. Acadarase un ancho de 9 metros, dos que 7 se destinarán á calzada e os outros 2 a beiravías (1 metro a cada lado).
Construiranse firmes flexibles de 46 centímetros de espesor, formados por unha capa de cascallo artificial tipo ZA 0/32 de 25 centímetros, outra de macadam bituminoso tipo M-2 de 15 centímetros, unha regadura asfáltica superficial e unha capa de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 SURF 50/70 de seis centímetros de espesor. Nas zonas onde as que o firme se apoia no existente, realizarase un reforzo cun espesor mínimo de 6 centímetros.
As drenaxes lonxitudinais solucionaranse mediante gabias tipo V de 1,2 metros de ancho e 40 centímetros de profundidade. Nas proximidades das drenaxes transversais, as cunetas revestiranse con formigón. En canto ás anteditas drenaxes transversais, executaranse con tubos de formigón con diámetros de 600 de 800 milímetros.
En canto á sinalización, a horizontal está prevista con marcas viarias de pintura branca reflexiva no eixo e nos bordos da calzada. Para a vertical, instalaranse sinais reflexivos. Tamén se contempla a colocación de barreiras de seguridade tipo bionda nos terrapléns de altura superior a 3 metros.