займ срочно

Silleda terá un Nadal cheo de solidariedade

0

Bisbarra, 4 de decembro do 2023 – O concello de Silleda ven de presentar a programación de Nadal que comezará o vindeiro día 9 cun espectáculo de iluminación a partir das seis e media da tarde.

Será unha proxección sobre a nova casa do concello e a continuación de este espectáculo acenderase a iluminación de Nadal. Esta iluminación estará nos caso urbano de Silleda e de Bandeira e tamén nas prazas, edificios, e nos accesos ao concello por Taboada, Laro e Lamela.

Este inicio fíxase nunha data de gran relevancia para o municipio como é a celebración de Santa Eulalia, patroa da parroquia de Silleda, que contará cun acto festivo promovido polo colectivo Xuventude de Silleda na praza de Siñor Afranio a partir das 22:30 horas. Habilitarase unha carpa para o caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen.

Música, teatro, circo, animación de rúa, obradoiros, contacontos, competicións e os xa tradicionais desfiles de Papá Noel e a Cabalgata de Reis Magos, centran a programación en Silleda, con máis de 40 actividades que se levarán a cabo ata o sábado 6 de xaneiro.

Actos solidarios

O venres 15 pola mañá, o CEIP de Silleda en colaboración coa ANPA de Silleda, organiza a súa Feira da Alegría, que terá lugar de 11:00 a 13:00 horas na Praza Juan Salgueiro de Silleda. O alumnado, distribuído en diferentes postos, venderá produtos elaborados polos propios estudantes. Os fondos recadados doaranse á asociación Aupa Deza.

O domingo 17, o Auditorio da Semana Verde acollerá a audición de Nadal da Escola de Música de Silleda. O acto dará comezo ás 17:30 h e terá carácter solidario, destinando os fondos recadados para o pobo de Palestina a través da organización Save The Children.

A Coral Polifónica de Trasdeza ofrecerá o seu festival de Nadal o sábado 23, ás 19:30 h, na igrexa parroquial de Silleda. Unha semana despois, o sábado 30, será a quenda da Banda de Música Municipal de Silleda, que celebra o seu concerto de Nadal en solidariedade coa asociación Aupa Deza. Este evento realizarase no pavillón 1 da Semana Verde tamén ás 19:30 h.

O último sábado do ano tamén contará cun Torneo Solidario organizado pola SD Bandeira a partir das 17:00 h no campo de fútbol A Gandareira. Neste caso, a cantidade recadada a través do cobro das entradas solidarias irá en beneficio do programa Silleda Solidaria, que proporciona axuda a familias en risco de exclusión social do municipio.

Finalmente, e tamén en colaboración con Silleda Solidaria, a vila de Bandeira acollerá o tradicional concerto de Aninovo no Auditorio Manuel Dopazo, que pechará a programación o sábado 6 de xaneiro. Neste evento, participarán a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, a banda infantil, a Asociación Cultural Xirandola, o Coro Vales Mahía, +QDanza e Enredos Teatro.

Teatro, contacontos e aniversario de Festibandeira

Un dos primeiros actos do Nadal terá lugar o luns 11, no Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira, coa organización dunha sesión de contacontos de Nadal para a rapazada. Así mesmo, Silleda contará tamén cun contacontos a cargo de Raquel Queizás, nesta ocasión, destinado ao alumnado de Infantil do CEIP de Silleda. Este último, será na Biblioteca Municipal Daniel Castelao a mañá do luns 18, formando parte do programa municipal Biblioafíliate, que arranca con esta iniciativa.

As obras teatrais tamén formarán parte da programación de Nadal. A primeira delas dará comezo o domingo 17 coa obra “Dúo Vaguedades” (por Artefeito) ás 19:30 h, no Auditorio Manuel Dopazo, encadrada no programa “Tornar ás táboas” da Deputación de Pontevedra. Por outra banda, o xoves 28, ás 18:00 horas, o recentemente estreado salón de actos do concello de Silleda é o espazo elixido para a representación da obra teatral “Frida”, da compañía A Cova das Letras.

Unha vez máis, o colectivo Festibandeira festexará o seu aniversario. Nesta ocasión, o sábado 16 celebran os dous anos de vida cun espectáculo realizado por N+1 Teatro Circo Danza no Auditorio Manuel Dopazo, ás 18:00 horas, en colaboración coa ANPA Brincadeira. Xa pola noite, a festa trasladarase ao café bar Arume da vila de Bandeira.

Entre outras actividades promovidas polo Concello de Silleda, cabe destacar o comezo do programa Silleda Agasalla o martes 12 de decembro ou a charla de resolución de conflitos para familias que se realizará na Casa da Xuventude o xoves 14 de decembro. Tamén a presentación do libro “Os Balbinos visitan Silleda”, o sábado 16 de decembro ás 17:00 h, no salón de actos do concello de Silleda.

Animación de rúa, circo de lume e obradoiros para todas as idades

A animación nas rúas tampouco faltará en Silleda. Así, o sábado 9 de decembro o circo Krasnobarak percorrerá as principais rúas de Silleda a partir das 17:00 h, partindo e tendo como núcleo central de animación a praza Siñor Afranio.

A animación voltará ás rúas con zancudos elegantes o venres 22 a partir das 17:00 h. Tamén, nesta mesma xornada comeza o servizo da Ludoteca de Nadal, que estará aberto ata o venres 5 de xaneiro no Auditorio Manuel Dopazo de Bandeira e no Pavillón César González Fares de Silleda.

O venres 29, ás 18:30 h, a praza Siñor Afranio será invadida polo lume a través dun potente e visual espectáculo circense que acompañará ao segundo pase do espectáculo de luz e son sobre a fachada da casa consistorial.

O programa inclúe obradoiros para todas as idades. O martes 19, no centro social de Silleda, ás 16:30 h, Sororas impartirá un obradoiro de adornos de Nadal para persoas adultas. O martes 26, será a quenda dun obradoiro de xabóns no devandito espazo. Finalmente, o mércores 3 de xaneiro, a rapazada poderá gozar dun obradoiro de cantigas de Reis ás 17:00 horas.

O Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira volverá unha vez máis a ser un dos epicentros culturais do municipio a través do seu colectivo. Nestas instalacións, poderase desfrutar das seguintes actividades: a inauguración dos adornos de Nadal o luns 11; a demostración gastronómica o venres 15; un taller de adornos de Nadal e a exposición de postais de Nadal, o xoves 21; así como o campionato infantil de futbolín o venres 22 ás 18:00 h.

Dende o departamento de Benestar Social e Servizos Sociais, dirixido pola concelleira Ángela Troitiño, organízanse dúas importantes actividades para as persoas maiores: a Xuntanza de Nadal o xoves 21 (14:00 h) e o ensaio de Fin de Ano o xoves 28 no centro social de Silleda (20:30 h).

Festa infantil e gran despedida do 2023.

O mércores 27, no pavillón César G. Fares, de 17:00 a 21:00 horas, a rapazada de Silleda volverá gozar un ano máis da Festa Infantil de Nadal, que este ano contará cunha disco móbil e inchables entre outras sorpresas.

Para despedir o ano 2023 organízanse dúas actividades: a xa coñecida e concorrida Carreira de San Silvestriño (11:00 h) e a San Silvestre (11:30 h) e como novidade, celebrarase un Pre Fin de Ano ás 13:00 horas, con badaladas e animación musical e festiva que comezarán ao remate da entrega de premios da carreira deportiva.

Por outro lado, o sábado 23 no pavillón César G. Fares haberá un torneo de esgrima que ocupará todo o día. Nesta mesma localización, o martes 2 de xaneiro ás 17:00 horas, realizarase unha animada tarde de xogos tradicionais. A continuación, o xoves 4 de xaneiro, arranca a xincana “Igualdade Express”, que sairá dende o Centro Cultural Vista Alegre ás 17:00 horas.

É importante destacar o papel da asociación de comerciantes de Silleda (ECOS), que organiza dous xoves de churros con chocolate (21 e 28) polos establecementos de hostalería pertencentes á asociación (de 17:00 a 20:00 horas). Isto compleméntase coa súa campaña de promoción de Nadal, que repartirá máis de 10.000 euros entre premios directos e vales de compra.

Desfile de Papá Noel e Cabalgata

O programa deste Nadal en Silleda segue incluíndo dúas das citas máis concorridas: a recepción e o desfile de Papa Noel e a Cabalgata de Reis. O domingo 24, Papá Noel visitará o salón de actos do concello de Silleda en dúas quendas: de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas. As persoas que o desexen poderán coñecelo, conversar con Papá Noel e facer entrega das súas cartas e peticións. Ao día seguinte, Papá Noel despedirase do municipio cun gran desfile en Bandeira, que sairá do Auditorio Manuel Dopazo ata o Centro Cultural Vista Alegre, onde se celebrará unha festa infantil e unha chocolatada con churros gratuíta.

No caso da Cabalgata de Reis, que volta o venres 5 de xaneiro, esta sairá ás 18:00 horas da praza Siñor Afranio para recorrer as rúas de Silleda. Antes da saída das súas Maxestades, poderase presenciar o terceiro pase do espectáculo de luces e son. A cabalgata rematará no pavillón César G. Fares, cunha gran recepción e chocolate con churros para todas as persoas asistentes.

Certames Vai de Parroquia e Silleda Fai Nadal.

Ademais das actividades mencionadas, o Concello de Silleda ten en marcha o certame Fai Nadal, no cal premiará ás mellores decoracións de Nadal do municipio nas categorías individual e colectiva. Así mesmo, nos vindeiros días darase a coñecer unha nova edición do concurso Vai de Parroquia, que buscará un ano máis promocionar a riqueza cultural, natural, arquitectónica e artística das 33 parroquias que conforman Silleda.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies